Destacado Es noticia Voleibol 

O Campionato Galego de Voleibol reunirá este sábado máis de 300 participantes

Club Voleibol Ourense, Club Voleibol San Martiño e Club Voleibol Burgas Voley organizan este torneo, nas categorías benxamín e alevín

Campionato galego de voleibol benxamín e alevín

Máis de 300 nenos e nenas de toda Galicia participarán este sábado, 28 de abril, no Campionato galego de voleibol,  nas categorías benxamín e alevín que se disputará no anexo do Pavillón dos Remedios, organizado polos tres clubs ourensáns: Club Voleibol Ourense, San Martiño e As Burgas. Esta mañá no salón de plenos do Concello tivo lugar a presentación do torneo, na que participaron Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, Mario Guede, concelleiro de Deportes, Belén do Campo Piñeiro, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (que patrocina o torneo), José Antonio Luna, presidente da  Federación Galega de Voleibol, Gabriel Rivera, do Club Voleibol Ourense, Mateo González, do Club Voleibol San Martiño e Pepe Conde, do Club Voleibol Burgas Voley.

O torneo desenvolverá en xornada de mañá as fases previas e pola tarde as finais, rematando coa entrega de medalla. Será unha competición “moi disputada e atractiva”, avanzou en nome da organización Mateo Fernández, do Voleibol San Martiño. Nela participarán xogadores e xogadoras nacidos entre os anos 2005 e 2008. Cativada de entre 10 e 13 anos da que sairán “os futuros xogadores de elite deste deporte”, segundo manifestou José Antonio Luna.

O torneo está patrocinado pola Xunta de Galicia e servirá para a promoción da marca “Galega 100%”, que distingue aos produtos galegos lácteos de calidade superior, polo que a xornada será “unha boa combinación de deporte e consumo de leite”, sinalou Belén do Campo.

O alcalde quixo poñer en valor o traballo realizado polos tres equipos ourensáns de voleibol, e subliñar a imaxe da “familia do voleibol ourensán unida para a promoción do futuro deste deporte”, así como o esforzo económico e humano que realizan os clubs Ourense, San Martiño e Burgas que, dixo “están a darnos toda unha lección de saberse organizar e traballar en equipo e de desinteresado amor polo deporte”.

Jesús Vázquez agradeceu o interese da Federación galega e a implicación da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias “que fai posible que se poidan desenvolver accións de apoio e promoción do deporte entre os máis cativos” Froito da achega de todos, esta fin de semana “unha vez máis, a nosa cidade convértese no foco de atención deportiva en Galicia, como xa vén sendo habitual”, afirmou o alcalde.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario