Es noticia Voleibol 

Gladys Giráldez e Patricia González, Ourense Volei Praia, gañadoras do Trofeo Cidade de Ourense

(Foto: Ourense Volei Praia)

As altas temperaturas non impediron aos apaixoados do volei praia disfrutar o pasado fin de semana dun emocionante torneo en Oira. O Trofeo Cidade de Ourense de Volei Praia, que comezou o venres 16 de xuño coas previas, pechouse coa proclamación de Miguel Mateo e Óscar Fernández, do CVP Santander (no apartado masculino) e de Gladys Giráldez e Patricia González, do Club Ourense Volei Praia (na categoría feminina) como campións da súa décimo segunda edición.

Trofeo Cidade de Ourense de Volei Praia

Catorce parellas xogaron o torneo masculino, que comezou o venres coas previas, das que saíron clasificados as parellas Martínez/Rodríguez (Barraña VP) e Pereira/García (CDPF) que xunto coas outras oito parellas clasificadas directamente para o cadro final, pasaron a pelexar pola segunda proba do Circuito Galego de Volei Praia durante toda a xornada do sábado.

Ás 9.00 horas da mañá arrincou o primeiro dos encontros, e tras unha intensa competición, chegaron cara a última hora da tarde, as eliminatorias. Para a primeira semifinal clasificáronse as parellas formadas por Mateo/Fernández, do CVP Santander, e Martínez/Galego (Barraña VP e Volei Praia Vigo). Tras un igualado comezo (21-18) os cántabros puxeron a directa cara a final co 21-12 do segundo set.

Na loita polo trofeo agardarialles o combinado formado por David Guiñazu (CM Voleibol) e Ángel Losada (CDPF), que tras un gran comezo na semifinal (21-14), tiveron que suar a camisola para superar a Carlos Fernández (COVP) e Rubén Sixto (CM Ferrol) chegado o tie break (21-23 e 15-8).

Este esforzo pasou factura aos galegos, que na final viron como os santanderinos Miguel Mateo e Óscar Fernández facíanse co dominio do xogo dende o primeiro set, sentenciando en dúas mangas, por 21-14 e 21-13.

Tras a prata de Guiñazu/Losada, subiron ao podio en terceira posición Ismael Martínez e o seu compañeiro Carlos Galego, que gañaron a consolación ante Fernández/Sixto 21-15/21-13.

En canto á categoría feminina, foron trece os equipos inscritos no trofeo, e catro deles comezarían a xogar o venres por dous billetes á seguinte fase. Conseguíronnos as parellas Freire/Jiménez (COVP) e Ollero/Pérez (CM Voleibol), que pasaban a disputar o domingo o cadro final, xunto ás outras oito parellas directamente clasificadas.

Tras tres emocionantes rondas e outras tantas repescas, chegaban as semifinais, que comezaban cun prato forte, o enfrontamento entre as locais Gladys Giráldez e Patricia González e o conxunto formado pola campiona da proba de Vigo, Luci Paz (VPV), e a coruñesa Alba Quirós (Zalaeta).

Paz e Quirós pegaron primeiro, cun 21-11 que parecía encamiñar a eliminatoria, pero lonxe de renderse, as do Club Ourense Volei Praia atopaban o seu xogo nun emocionante segundo parcial (21-23) que desembocaba no decisivo tie break con resultado favorable ás locais por 15-11.

Quedaba por concretar o rival das ourensás na final, que se decidía entre Olmedo (C Miguel Cervantes)/Del Olmo (VP Santander) e Vázquez/Farabegoli (Volei Praia Vigo). Pouco puideron facer a viguesa e a italiana ante a efectividade das súas rivais, que acadaron a clasificación en dous parciais claros, por 21-12 e 21-14.

Máis igualada foi a final entre o conxunto ourensán e a parella cántabro-asturiana. Olmedo e Del Olmo entraron moi enchufadas no encontro e fixéronse co primeiro asalto por 21-10, pero Gladys e Patricia amosaron unha vez máis a súa capacidade de superación, repoñéndose da derrota para empatar o encontro 21-12 e forzar un tie break de infarto que as proclamou campionas no 22-20.

Xunto con estas dúas parellas subiron ao podio en terceira posición Cristina Vázquez e Federica Farabegoli (VPV), que venceron por 2 sets a 1 (21-15/12-21/15-9) a Luci Paz e Alba Quirós.

XII Copa Deputación de Ourense de Volei Praia

O vindeiro fin de semana Ourense será de novo epicentro do volei praia autonómico, coa celebración da XII Copa Deputación de Ourense de Volei Praia, que levará ao Salgueiral a primeira proba do Circuito Galego de Volei Praia para Categorías inferiores (alevín, infantil, cadete e Sub 19).

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: