Es noticia Voleibol 

Gladys Giráldez e Patricia González na selección galega para o Nacional Sub21

Patricia e Gladys, do Ourense Volei Praia,  xa representaron a Galicia na pasada edición do nacional.

(Foto: Ourense Volei Praia)

Campionatos de España de Volei Praia por Seleccións Autonómicas Sub 21

Galicia participa un ano máis nos Campionatos de España de Volei Praia por Seleccións Autonómicas na categoría Sub 21, que na súa edición 2017 se celebrarán en Las Palmas nos vindeiros días, entre o 21 e o 23 de xullo.

A expedición galega parte hoxe, xoves, rumbo ás illas, onde serán dous os combinados autonómicos que pelexarán entre os mellores conxuntos da canteira nacional polo tan ansiado título.

Una parella masculina e outra feminina por cada comunidade

Á fronte da delegación acude unha vez máis á cita nacional o seleccionador galego Eloy Mahía, que dirixirá no apartado masculino a actuación de Marco Lado e David Redonda e no feminino a de as ourensáns Patricia González e Gladys Giráldez.

As dúas parellas foron seleccionadas polo técnico galego logo de concentrarse no Centro Galego de Tecnificación de O Ézaro dende o luns 17 ao mércores 19 de xullo para preparar o campionato de España xunto con outros seis deportistas por categoría que finalmente quedaron fóra da convocatoria.

O nacional por seleccións é un dos torneos máis esixentes da tempada de praia, pero pese a evidente dificultade, a progresión dos galegos na area aumenta as expectativas dos nosos de cara á clasificación final.

Patricia e Gladys, dúas xogadoras experimentadas

Patricia e Gladys son dúas xogadoras experimentadas, que xa representaron a Galicia na pasada edición do nacional, e que nesta tempada foron campionas do segundo trofeo do Circuito Galego de Volei Praia celebrado o mes pasado en Ourense. O seu obxectivo é o de mellorar a décimo terceira praza acadada o pasado ano.

Pola outra banda o combinado masculino renóvase, con grandes promesas da disciplina como son Marco Lado e David Redonda que farán todo o posible para estar á altura desa meritoria quinta praza que acadaran na pasada edición Rubén Táboas e Nathan Matos.

A competición arrincará mañá venres para os nosos equipos, que xogarán en Las Palmas co obxectivo de seguir mellorando as marcas e a actuación da nosa autonomía nos nacionais.

Tanto a preparación como participación de Galicia nos Campionatos de España, forma parte do Proxecto Especial de Tecnificación da Federación Galega de Voleibol. Un plan iniciado hai tan só uns anos, e que xa dá os seus froitos, tanto na modalidade de pista como na de praia, onde a nosa autonomía soa entre os grandes do país.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: