Es noticia Voleibol 

As cadetes do Ourense Volei Praia no Campionato de España en Dumbría

Dumbría acolle o Campionato de España Cadete de Volei Praia

A praia de O Ézaro será unha vez máis epicentro do volei praia nacional, acollendo dende venres 21 ata o domingo 23 de xullo, o Campionato de España de Volei Praia cadete tanto masculino como feminino.

Tras o éxito acadado en pasadas edicións, Dumbría albergará por quinto ano consecutivo un nacional de volei praia, levando ao seu areal a emoción da competición máis prestixiosa e emocionante da tempada estival para os clubes de volei praia españois

Á cita acuden os corenta dous mellores equipos do panorama nacional (24 femininos e 18 masculinos), clasificados nas competicións das súas respectivas autonomías e dispostos agora a pelexar polo título que actualmente ostentan os boirenses do Barraña VP no apartado masculino e o VP San José de Cantabria no feminino.

O torneo, organizado polas Federacións Española e Galega de Voleibol coa colaboración do Concello de Dumbría arrincará o venres pola mañá e rematará o vindeiro domingo coas grandes finais nacionais e a entrega de premios.

Os galegos, entre os favoritos

Entre os participantes haberá unha ampla representación galega, especialmente no apartado masculino con catro clubes presentes na cita. Competirán neste apartado o Calasancias VP, Club Vigo Voleibol, Voleiboleiros Sada e Dumbría Volei (organizador).

Pola outra banda serán tres os conxuntos da terra que asistirán ao torneo feminino, atendendo, igual que no apartado masculino á clasificación no Circuito Galego de Volei Praia disputado até o momento: o VP Riazor como organizador, Ourense Volei Praia e Voleiboleiros Sada.

Aínda que terán que pelexar coas parellas “tradicionalmente fortes”, procedentes de autonomías que sempre soan nas apostas como Andalucía, Valencia ou Cataluña, os galegos acoden a Dumbría como grandes favoritos con dobre vantaxe. Por un lado o maior coñecemento da pista por parte dos nosos, e a sobrada demostración de talento que fixeron en pasadas edicións con dous títulos consecutivos que quedaron en Galicia, acadados por Dumbría Volei e Barraña VP. E polo outro, a seguridade de contar cun Circuito Galego, cada vez máis amplo, que lles dá a rodaxe suficiente para competir ao máis alto nivel e ser firmes candidatos ao podio nacional.

Un éxito a todos os niveis

Dende a primeira edición celebrada en Dumbría, a participación do nacional de praia non deixou de medrar. Os trofeos disputados na Costa da Morte son un éxito asegurado de asistencia e organización, ademáis de ser un gran reclamo para a zona.

O volei praia converteuse nos últimos anos nun atractivo máis para a localidade de O Ézaro, especialmente tras o acordo asinado entre o Concello e as Federacións Galega e Española de Voleibol, nas que Dumbría se consolida como sede de polo menos un campionato nacional e varias probas do Circuito Galego de Volei Praia e convértese en centro de tecnificación para as seleccións galegas deste deporte.

Eventos do calado dun Campionato de España cadete repercuten na economía de toda a comarca fisterrá. Só entre equipos participantes, delegacións e acompañantes espéranse superar o medio millar de persoas, e xa en pasadas edicións esgotáronse os aloxamentos dispoñibles nas zonas próximas e en gran parte da bisbarra.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: