Descenso do MiñoDestacado Es noticia Piragüismo 

O “Descenso do Miño” en piragua celebra as vodas de ouro coa participación de 500 palistas

50º Descenso do Miño de Ourense (Os Peares – Velle)

No ano 1963, e con tan só dúas piraguas canadenses, un grupo de deportistas de Ourense botábanse río Miño abaixo para chamar a atención sobre os deportes náuticos. Hoxe, no salón de plenos municipal, eses mesmos “aventureiros” arroupaban a presentación do 50 Descenso do Miño, que convocará este sábado 23 de xuño en Ourense a medio milleiro de deportistas (497 confirmados) de 38 equipos. Unha actividade que compre medio século “demostra inequivocamente que é de grande arraigo popular, con moita máis participación, tradición e vistosidade”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

 

Esta tradición comezou en 1.964, con catro piragüistas en dúas piraguas que foron transportadas até Os Peares, segundo recordaban na presentación algúns dos pioneiros deste deporte, no camión do lixo do Concello. En todo este tempo mudaron as formas e, sobre todo, o número de deportistas federados (4.250 licenzas federativas en Galicia). Pero non “o tesón para navegar os nosos ríos”, en palabras de Alrfedo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo.

Descenso do Miño

Á presentación non quixo faltar tampouco a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, que presumiu do potencial do piragüismo galego -actualmente os nosos piragüistas “están entre os mellores do mundo”- e “da extraordinaria organización de eventos deportivos, que mellora ano a ano a pasos axigantados”, pero tamén dunha paisaxe envexable.

Nesa mesma liña manifestouse tamén Julio Masid, director de Viaqua (patrocinador principal da proba), quen quixo darlle valor á oportunidade de pór en valor o coidado polo medio ambiente deste tipo de probas, especialmente no marco do río Miño “que nós tratamos de coidar tan especialmente”.

A proba, organizada polo Consello Municipal de Deportes, comezará ás 17:30 horas nos Peares, e a chegada dos case medio milleiro de palistas será no encoro de Velle.

*Audio. Interveñen, por esta orde: Mario Guede, concelleiro de Deportes; Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo; Julio Masid, director de VIAQUA (patrocinador da proba); Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte; e Jesús Vázquez, alcalde de Ourense.

Á presentación asistiron, tamén: Mario González, xerente do Consello Municipal de Deportes; Ana Tejeiro, responsable de Viaqua en Ourense; José Luís González ‘Chelis’, da Escola Municipal de Piragüismo; e unha representación dos pioneiros do descenso do Miño.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.