Rocío Moure e Rubén Viso gañan o 14º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

Unha aplicación para aforrar costes no deseño de dispositivos inalámbricos e outra para deseñar armarios empotrados en tablets Android gañan o 14º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos.

14-Concurso de Proxectos Tecnolóxicos

  • Os premiados foron Rocío Moure Fernández, de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e Rubén Viso Vidal do Grao de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión do Campus de Ourense

  • O xurado destacou a calidade dos traballos presentados e a súa clara aplicación para mellorar a rendibilidade empresarial

Esta mañá foron entregados no Campus de Ourense os premios da 14ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que organiza Expourense, en colaboración coa Escola Superior de Informática de Ourense, no que participaron titulados das distintas escolas de Informática e Telecomunicacións das universidades galegas. A entrega de premios estivo presidida  polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense (entidade patrocinadora desta edición), Rosendo Fernández, quen destacou a practicidade dos proxectos presentados e o carácter innovador dos participantes indicando que “iniciativas coma esta constitúen unha oportunidade para por en valor o talento dos nosos estudantes, impulsando o emprendemento e a competitividade co obxectivo de xerar novas oportunidades de emprego”. O vicepresidente particpou na entrega de premios acompañado polo secretario da Escola Superior de Informática, Arturo Méndez, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

E é que o obxectivo principal deste concurso é vencellar a investigación realizada na Universidade no eido da informática e as telecomunicacións ás necesidades e demandas reais do mundo empresarial. É ademais unha gran oportunidade para os estudantes do sector de Galicia para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira ou Fin de Master. Nesta 14ª edición foron repartidos un total 1.400 euros en premios.

O xurado, integrado por profesores universitarios, un representante da Deputación de Ourense e o co-director da empresa Xasta Networks, destacou a calidade dos traballos presentados e a súa clara aplicación para mellorar a rendibilidade empresarial.

Modalidade A

O primeiro premio para a Modalidade A (Títulos de Enxeñería en Informática, Enxeñería de Telecomunicación e Traballos de Fin de Máster de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións) e dotado con 500 euros recaeu no traballo “Deseño de software para a caracterización de dispositivos e circuítos no liñales de microondas mediante parámetros X” de Rocío Moure Fernández, alumna de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. O seu traballo é unha aplicación que mide distintos parámetros imprescindibles á hora de fabricar dispositivos inalámbricos (potencia, ancho de banda, eficiencia enerxética e liñalidade). Trátase dunha ferramenta que, a un custo moi inferior (a autora fala do aforro de miles de euros) ao existente no mercado, poderán usar as empresas fabricantes de produtos como móbiles ou radares, sen necesidade de que posúan un amplo coñecemento matemático.

O segundo premio da modalidade superior foi para o traballo “Sistema de Alerta Hospitalaria para o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense” de Juan José Ferreño, Máster en Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e o terceiro recaeu no proxecto “Optimización de parámetros para a resolución de Sistemas Tridiagonais en GPUs” de Adrián Pérez Diéguez de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña.

Modalidade B

Na Modalidade B (Títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñería Técnica en Informática, Enxeñería Técnica de Telecomunicación) o primeiro premio, dotado con 350 euros, foi para o traballo “SketchArm: Ferramento de prototipado de armarios para tablets Android” de Rubén Viso Vidal, do Grao en Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Universidade de Vigo. Trátase dunha aplicación dirixida a PEMES adicadas ao moble a á decoración para que poidan competir ante as grandes cadeas. Permite o deseño de armarios empotrados sobre tablets Android, co fin que a empresa e tamén o usuario final PYMES, poidan deseñar un armario a medida de xeito intuitivo. Esta aplicación estará disponible no 2Play-Store” de Android.

O segundo premio desta modalidade foi para o proxecto ”Sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre” de Iago Veloso Abalo, Graduado en Enxeñaría Informática pola Universidade da Coruña. O terceiro recaeu no traballo “foodAdvisor”, de Julia González García, alumna do Grao en Enxeñaría Informatica na Universidade de Vigo.

Fora de concurso entregóuselle un agasallo á páxina de Facebook dos proxectos con máis “Me gusta” que foi a de ”Sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre” de Iago Veloso Abalo e houbo unha mención especial para o traballo de Alejandro Ruiz Lameiro, da Universidade de Vigo. É o autor do videoxogo “PCHandball” que xa se comercializa.

Aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, non podemos esquecer que unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na Universidade. A investigación, o desenvolvemento e a innovación convertéronse hoxe en día na mellor ferramenta para que unha empresa sexa competitiva a nivel internacional. O presente concurso, ten coma obxectivo sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ao seu proceso de producción, é dicir, trátase  de vencellar a investigación realizada na Universidade coas necesidades e demandas reais do mundo empresarial, que buscan investir en proxectos que aumenten a súa rendibilidade. Outro dos obxectivos é facer visible a labor realizado polos grupos de traballo e estudantes universitarios nestes campos da Tecnoloxía e a Información.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: