Es noticia No solo deporte 

Ourense, candidata para acoller o campionato de España de Baile Deportivo 2018

Ourense, candidata para acoller o campionato de España de Baile Deportivo 2018

Campionato de España de Baile Deportivo 2018

A provincia de Ourense é candidata para acoller en 2018 o campionato de España de Baile Deportivo, un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense e que tería lugar en Expourense e no Pazo dos Deportes “Paco Paz” coa presenza de máis de 1.500 deportistas de toda España. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao delegado da Federación española de Baile Deportivo e director do club Moovet, Juan Manuel Fernández, e a directora adxunta de Expourense, Emma González, con quen analizou os aspectos organizativos da candidatura para a celebración deste campionato.

A candidatura da provincia de Ourense presentouse durante a celebración do Campionato Nacional da Federación Española de Baile Deportivo que tivo lugar na localidade valenciana de L’Eliana, unha candidatura que apoia a Deputación de Ourense e que concentraría na provincia ourensá durante as datas de celebración do evento seis campionatos de distintas disciplinas, que convocan a máis de 1.500 deportistas.

O presidente da Federación española de baile Deportivo, Luis Bañó, destacou a importancia que ten contar co apoio das administracións para asegurar o éxito dun evento destas características, indicando que o feito de contar co respaldo da Deputación provincial converte á candidatura de Ourense na máis forte. Outro dos factores positivos é a concentración nun único punto de dúas grandes infraestruturas como son o Pazo dos Deportes “Paco Paz” e o recinto feiral de Expourense, que albergarían as diferentes probas ofrecendo aos visitantes os servizos que demandan os deportistas.

A candidatura foi presentada en Valencia por Emma González e Juan Manuel Fernández, ante o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Bañó, e a delegada da Federación en Galicia, Graciela Toba. Tamén os acompañou o alcalde de L’Eliana, Salva Torrent. Esta candidatura denominada “Semana de Baile Deportivo de Ourense 2018” traería ata Galicia por primeira vez todas as modalidades integradas en competición da Federación Española de Baile Deportivo, recoñecido como disciplina Olímpica. Trátase dun deporte crecente en España e no resto de Europa, sendo Galicia a segunda comunidade en número de licenzas activas, tan só por detrás de Cataluña.

A provincia de Ourense conta co Club Deportivo Moovet que vén de posicionarse cunha parella de bailaríns de 15 anos como campións de España en sala Cuban Style e subcampións en ritmos caribeños na categoría junior, sendo esta a primeira vez que concorrían nun certame nacional.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: