O 14º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos impulsará o emprendemento e vencellará a investigación universitaria co eido empresarial

  • A entrega de premios, que suman 1.400 euros, terá lugar o martes 2 de decembro na Escola Superior de Informática da Universidade de Vigo – Campus de Ourense

  • O prazo de recepción de candidaturas remata o 25 de novembro

Expourense-proxectos-tecnoloxicos

Vencellar a investigación realizada na Universidade no eido da informática e as telecomunicacións ás necesidades e demandas reais do mundo empresarial. Este é o obxectivo principal do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que chega xa a súa décimo cuarta edición consolidado como unha gran oportunidade para os estudantes do sector de Galicia e de Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira. O acto de entrega dos premios terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, coooganizadora do concurso xunto a Expourense, e será o martes 2 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org. En total repartiranse 1.400 euros en premios.

Este concurso foi presentado esta mañá na Deputación de Ourense nun acto ó que acudiron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o subdirector de Sistemas da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, Francisco Javier Rodríguez, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Patrocinado pola Deputación de Ourense, a finalidade deste concurso é sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva. Polo tanto, teñen cabida todos aqueles traballos onde prime unha clara aplicación das súas ideas ó mundo empresarial e que estean vencelladas coa realidade e necesidades cotiás. Durante este acto, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, indicou que “iniciativas coma esta, exemplo de cooperación público-privada, constitúen unha oportunidade para poñer en valor o talento dos nosos estudantes, impulsando o emprendemento e a competitividade co obxectivo de xerar novas oportunidades de emprego. Estes premios priman a innovación, a calidade, e o emprendemento”. Pola súa parte, o subdirector da Escola de Informática indicou que “hai casos de proxectos premiados que atoparon traballos nas empresas para as que foi concibido o proxecto. Para eles é un recoñecemento público ao  seu traballo, serve para completar o seu curriculum vitae e pode abrirlles as portas a novas oportunidades laborais”.

Aínda que cada vez son máis as empresas que contan cun departamento de I+D+i, non podemos esquecer que unha boa parte das investigacións realizadas en Galicia xorden na Universidade. A investigación, o desenvolvemento e a innovación convertéronse hoxe en día na mellor ferramenta para que unha empresa sexa competitiva a nivel internacional.

Bases

A 14ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos constará de dúas modalidades A e B e nelas poderán participar os alumnos e alumnas das Universidades da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal que estean cursando na actualidade algunha das seguintes titulacións:

– Modalidade A. Títulos de Enxeñería en Informática, Enxeñería de Telecomunicación e Traballos de Fin de Máster de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións.

– Modalidade B. Títulos de Grao en Enxeñaría Informática, Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñería Técnica en Informática, Enxeñería Técnica de Telecomunicación.

Neste sentido os participantes poden presentar os seus proxectos Fin de Carreira. A participación neste concurso pode ser unha boa carta de presentación á hora de incorporarse ó mundo laboral. Un dos requisitos para poder participar será ademais a creación dunha Páxina en Facebook no que se publicará toda a información textual, fotos, vídeos, etc, que se considere oportuna sobre o seu proxecto. A páxina que consiga máis “Me Gusta” obterá o premio do Público.

Os premios deste concurso serán entregados na Escola Superior de Informática da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico- Campus de Ourense), o martes 2 de decembro de 2013. Concederanse tres premios en cadansúa categoría (A e B) cuxa contía ascende a 1.400 euros sendo os primeiros premios de 500 e 350 euros respectivamente.

Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos e alumnas das Universidades da Coruña e Santiago de Compostela, a organización puxo a súa disposición un Bono desconto do 35% en RENFE (inclúe AVANT) que pódese descargar en www.expourense.org.

 

Relacionado con: :