Es noticia No solo deporte 

II Xornadas sobre Dereito Deportivo no campus de Ourense e Vigo

A cita será o 3, 4, 24 e 26 abril nos campus de Ourense e Vigo e contará coa participación dun amplo panel de relatores do eido académico e profesional

II Xornadas sobre Dereito Deportivo. Dereitos Humanos, Cine e Deporte

As II Xornadas sobre Dereito Deportivo dedicarán especial atención aos dereitos humanos

Duvi | Ourense

O pasado ano preto de 200 persoas entre docentes, investigadores, deportistas, adestradores, árbitros, xestores e estudantes participaron na primeira edición das Xornadas sobre Dereito Deportivo. Por estes bos resultados de participación e sobre todo “polo interese dos actores que participaron en continuar profundando na temática”, os días 3, 4, 24 e 26 de abril, as facultades de Dereito do campus de Ourense e de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollerán a segunda edición desta xornadas, que nesta ocasión dedicarán especial atención aos dereitos humanos.

As II Xornadas sobre Dereito Deportivo. Dereitos Humanos, Cine e Deporte volven a celebrarse baixo a dirección académica de Inés C. Iglesias Canle, catedrática acreditada de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e de María José Bravo Bosch, profesora titular de Dereito Romano, e a colaboración de numerosas entidades públicas e privadas, desde o Consello Social da Universidade de Vigo ata o RC Celta de Vigo. “Se na primeira edición abordamos a temática do dereito deportivo desde unha perspectiva máis xenérica, nesta segunda edición puxemos como fío condutor os dereitos humanos. Aínda que continuamos afondando nun amplo abano de temáticas queremos suscitar o debate arredor desta cuestión”, explica Inés Iglesias Canle. Deste xeito, apunta, ao longo das sesións trataranse temas como se a participación da muller no deporte profesional cumpre o dereito á igualdade ou como o deporte pode contribuír á integración social ou a solución de conflitos.

Pasado e presente

Alén desta temática específica de interese, ao longo dos catro días de actividade desenvolverase un amplo programa de conferencias nas que se abordarán cuestións como a disciplina deportiva, a mediación, o razoamento probatorio en casos de dopaxe, o valor da acta arbitral, os retos do século XXI no eido da actividade física e a saúde, a evolución do sistema deportivo e a responsabilidade do directivo nun club ou sociedade anónima deportiva. Os relatores e relatoras participantes tamén se achegarán a temas de carácter histórico centrados na antiga Roma, como a regulación dos espazos deportivos nesa época, as gladiadoras, os custes dos espectáculos ou o estatus social e xurídico dos atletas naquel entón. De xeito complementario ás conferencias, desenvolveranse mesas redondas con expertos do eido académico e profesional arredor de temáticas como o deporte profesional e as federacións deportivas; o exceso ou defecto de normas no eido do fútbol e a organización deportiva en Italia. Co obxectivo de dinamizar este intenso programa de intervencións tamén se proxectará a película Invictus, a raíz da cal se realizará un debate arredor do tema do deporte e dos dereitos humanos.

Para abordar estas cuesións, achegaranse á Universidade de Vigo, concretamente os dous primeiros días da xornada ao campus de Ourense e os dous últimos ao de Vigo, profesinais do eido deportivo como Eduardo Berizzo, adestrador do Real Club Celta de Vigo; Antonio Chaves, director xeral do mesmo club; Gonzalo García, adestrador do Club Ourense Baloncesto; Eduardo Blanco, presidente da Asociación Galega de Xestores Deportivos, e Miguel Juane Sánchez, presidente do Comité Galego de Xustiza Deportiva. Tamén haberá unha destacada representación do eido académico das dúas facultades que acollen a xornada e doutras facultades e universidades, como as de Santiago de Compsotela, a Complutense de Madrid ou a Universidade de León. Italia terá un protagonismo destacado coa participación de expertos procedentes das universidades de Reggio Calabria, Cagliari, Parma, Bologna e Messina e do Comité Olímpico Italiano en Calabria.

As xornadas están dirixidas á comunidade universitaria, xuristas e público en xeral, sendo admitidas todas as solicitudes por rigorosa orde de inscrición ata completar o aforo das salas. As intervencións, que terán lugar os dous primeiros días no campus de Ourense e os dous seguintes no campus de Vigo, serán retransmitidas por videoconferencia nas dúas facultades que acollen as xornadas, de xeito que as persoas inscritas en cada campus non terán necesidade de desprazarse ao outro para asistir ás sesións.

[Programa completo das IIXornadas sobre Dereito Deportivo. Dereitos Humanos, Cine e Deporte]

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: