Empresas, universidade, alumnos e xornalistas reivindican da profesionalización da comunicación no 2º Foro da Comunicación de Galicia

  • O Polígono Virtual de Galicia, Igualarte Film e Anónimo Advertising gañan os II Premios á Comunicación Innovadora
  • Recoñeceuse tamén a traxectoria profesional de Xosé Mª García Palmeiro
  • A crise e o boom das redes sociais cambia por completo o perfil do xornalista que se converte en traballador multimedia e emprendedor

Reivindicar a comunicación elaborada por profesionais (tamén nas redes sociais) como ferramenta diferenciadora, analizar os novos perfís laborais xurdidos da irrupción das redes sociais e a avaliar a calidade da información nun contexto de crise foron os eixos sobre os que xirou o 2º Foro da Comunicación de Galicia celebrado hoxe en Expourense e que reuniu a máis de 200 asistentes entre profesores de universidade, alumnos e profesionais e emprendedores.

Foro-da-Comuniciacion-Expourense-2014

Máis de 20 relatores explicaron os conceptos básicos para enteder a comunicación na actualidade que pasa porque xa non é un proceso liñal, senón circular xa que o cliente final se converte agora en prescriptor da información que recibe (“Prosumer”), da tendencia de contar historias para chegar ó cliente a través do afecto (“storytelling”- A distancia máis curta entre dúas persoas é unha boa historia), ou da narración multiplataforma (Transmedia) deixando a comunicación nas mans dos usuarios/público buscando, non clientes, senon cómplices. (“Deposita a historia nas súas mans e eles encargaranse de contar o que ti non podes”).

Contando co patrocinio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, o 2º Foro da Comunicación presentou ademais casos de éxito e demostrou que se trata dun eido onde ten cabida o emprendemento e, ademais, analizou o novo perfil do xornalista que se converte en traballador multimedia que escribe, fotografía, publica e postea e que ten por diante o difícil reto de captar a atención dun consumidor que está saturado de información (“infoxicado”, tal e como explicou  Diego Rivera de Best Relations, o obradoiro que conseguiu maior número de twitters baixo o hastag #ComGalicia).

A sesión de tarde analizou temas de actualidade como a mesa de debate sobre a igualdade de xéneros nos medios e contou coa participación da profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Elvira Altes, que imparte un seminario “Bo xornalismo con perspectiva de xénero” que estivo acompañada por un membro do Grupo de Investigación Cidadanía e Comunicación (CIDACOM) e por xornalistas destacadas na defensa da igualdade de xénero como Sonia Torres de La Región ou Fina Ulloa de La Voz de Galicia. Todas elas falaron das novas formas de comunicación nas que a desigualdade de xénero nos medios adapta agora novas formas menos perceptibles para o público.

Outro dos temas abordados foi a análise da situación dos profesionais no ámbito da comunicación institucional e as funcións dos titulados en CC. Da Información nas administracións públicas e a última das mesas abordou o tema do uso do galego na comunicación e nela participarán representantes do Consello da Cultura Galega, do Foro E. Peinador e a Asociación Punto Gal.

A xornada contou cun importante seguemento a través de Twitter que recolleu varios centos de comentarios baixo o hastag #ComGalicia e no que os asistentes mostraron a súa satisfacción e empatía cos coñecementos achegados polos relatores.

Para organizar o programa deste Foro, Expourense contou coa colaboración activa das  Facultades vencelladas coa Comunicación das tres universidades galegas (en especial da de Ciencias da Comunicación de Santiago e da de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra), MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOMGalicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia) e Creatividade Galega, entre outras entidades.

Entrega dos II Premios á Comunicación Innovadora de Galicia

O programa deste 2º Foro concluíu coa entrega da segunda edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. A esta entrega de premios contou coa presenza co alcalde de Ourense, Agustín Fernández, co delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz. Nesta ocasión recaeron nas seguintes empresas:

Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME: Recaeu na páxina web da Escola de Negocios de AFundación realizada pola empresa Anónimo Adversiting, que naceu para converter a comunicación on line en ferramenta clave para captar novos alumnos ó tempo que fortalece a imaxe de vangarda, innovación e internacionalización que ten esta Escola. Trátase dunha web puramente audiovisual fóra do convencional que,de xeito claro, sinxela e visual que amosa todos os diferenciais desta Escola e que se converteu na ferramenta perfecta para chegar a un público obxectivo convertido en el canal perfecto para transmitira un público novo, emprendedor e creativo.  En menos dun ano contou con máis de 115.000 sesións, 53.000 usuarios e 292.000 páxinas vistas.

Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación:  Foi para o Polígono Virtual de Galicia que prantexou a comunicación “innovadora” como estratexia para o desenvolvemento dunha actividade económica competitiva, un dos seus obxectivos como CLUSTER MULTISECTORIAL é xerar una sinerxia que fomente a “Estimulación de autoemprego como saída profesional”. Contan con máis de 200 solicitudes de proxecto tramitadas en 2014 e medio cento de usuarios activos con proxectos en produción.

Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación: A empresa gañadora foi “IgualArte Film Project” . Ten como finalidade a integración e inclusión de mozos con discapacidade nun equipo audiovisual profesional co obxectivo final de elaborar conxuntamente unha curtametraxe. Ademais da produción desta curta, esta empresa inclúe como outro dos seus piares a realización dun documental que recolla a evolución do proxecto dende o obradoiro inicial ata a estrea final. Configúrase como unha plataforma de adquisición de experiencia a nivel artístico e técnico para un grupo de persoas que tradicionalmente sofren gran obstaculización social para acceder ó mundo da comunicación e, en xeral, a todas as disciplinas artísticas.

Logo da entrega de premios fíxosolle un recoñecemento á traxectoria do xornalista Xosé María García Palmeiro polos seus máis de 40 anos de profesión e polo seu traballo na defensa dos dereitos e a independecia dos xornalistas en Galicia.

 

Relacionado con: :