• O sábado e o domingo ás 18.00 h. terá lugar a pasarela de moda nupcial e festa
  • Co 85% dos expositores de Ourense, esta cita contribuirá á dinamización do comercio local

Ourense, 12/11/2014.- Ofrecer asesoramento profesional e facilitar a organización de eventos tanto familiares como empresariais. Estes son os obxectivos de Celebra, o  Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais que terá lugar esta fin de semana do 15 e 16 de novembro en Expourense. Ademais da oferta nunha vintena de sectores, as pasarelas de moda nupcial e festa serán sen dúbida os puntos fortes desta cita.

A 15ª edición de Celebra contará con 50 expositores, un 13% máis can a edición de 2013. Estes presentarán unha ampla oferta de produtos e servizos cos que dar resposta á complexa planificación de todo tipo de actos sociais tales como vodas, comuñóns, bautizos, reunións de empresas, presentacións e lanzamentos de novos produtos, etc. Esta cita convértese así nun escaparate para as empresas ourensás, xa que preto do 85% dos expositores son da provincia; ainda que tamén haberá espazo para empresas procedentes doutros puntos da xeografía galega como Pontevedra e A Coruña, Madrid e Portugal.

Case unha vintena de sectores estarán presentes en CELEBRA destacando a oferta en restauración e servizos audiovisuais que son os que contan con maior representación. Tamén terán o seu espazo a moda nupcial e de festa, axencias de viaxes, aluguer de vehículos, servizos audiovisuais, repostería creativa, imprenta, florerías, xoiarías, fogar ou estilismo. Haberá ademais varias empresas especializadas na organización integral de eventos e animación, co que o visitante non só poderá coñecer as últimas novidades en servizos e produtos, senón que poderá recibir asesoramento e novas ideas.

Actividades

As pasarelas de moda de noivo, noiva e festa terán lugar o sábado e o domingo ás 18.00 horas e nelas participarán as seguintes empresas: Alvarino (moda home e festa), Ana Barril (noivas), Xoiaría Loyma, Noar Novias (noivas); Drácena (arranxos florais) e Paris Diffusion (maquillaxe e perruquería). Esta actividade estará coordinada pola Axencia Luena. Todas estas firmas aseguran a organización dun evento 100% ourensán, xa que ademais todas elas contan con coleccións de fabricación e deseño propio. Esta actividade estará presentada por Elena dos Santos, Miss Tierra Galicia.

Celebra será ademais un espazo para visitar en familia xa que contará cun área de actividades adicada aos máis pequenos e que incluirá obradoiros de globoflexia, maquillaxe, baile, etc.

As empresas expositoras ven en Celebra unha oportunidade para reactivar o comercio minorista nunha cita á que acode público obxectivo na busca dos produtos e servizos especializados. Ó mesmo tempo, poderán captar novos clientes a curto e medio prazo. A pesar da conxuntura actual, Celebra concentra un importante volume de negocio, xa que o custo medio dunha voda en Galicia está a rondar os 12.800 euros, segundo datos da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI).

Como é habitual nas citas de Expourense, os visitantes que decidan achegarse ata a Ourense en tren poderán obter un 35% de desconto en RENFE (inclúe AVANT) que se pode descargar en www.expourense.org.

A 15ª edición de Celebra abrirá as súas portas en Expourense o sábado 15 e o domingo 16 de novembro en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. Toda a información do evento pódese consultar en www.expourense.org.

 

Relacionado con: :