As dúas citas comerciais abertas ao público no recinto de Expourense recibiron máis de 5.000 visitas durante a fin de semana

Celebra-expourense

Expourense clausurou hoxe unha fin de semana  de completa ocupación con máis de 5.000 visitas entre as dúas feiras que tiveron lugar no recinto: Celebra, o 15º Salón dos Actos Sociais, e a 1ª Feira de Antigüidades de Ourense (organizada esta última pola empresa NougrupFiral). Ambas feiras destacaron pola calidade dos seus expositores.

No caso de Celebra, esta edición definiuse por un marcado carácter creativo impulsado por emprendedores da provincia de Ourense en moda nupcial e de festa. A pasarela do Salón Celebra convocou a centos de persoas interesadas en coñecer as tendencias das firmas colaboradoras entre as que se encontraban Alvarino, Ana Barril e Noar Novias que presentaron deseños de coleccións de fabricación propia, acompañados por estilimos internacionais en perruquería e maquillaxe elaborados por Peluquería París. As tendencias que se puideron observar para a próxima tempada en moda nupcial de vestidos de noiva foron o emprego de telas coma o tul ou o encaixe, as faldas con moito vó ou moi axustadas, e os escotes pechados e adornados. En moda nupcial para home segue reinando o traxe negro pero esta tempada se levarán traxes entallados e semichaqués.

Á hora de organizar un evento, as costumes evolucionan e moitas das parellas ourensás tenden a facer casamentos máis reducidos e familiares, aínda que o que máis se está a solicitar son as vodas temáticas e completamente personalizadas. Neste tipo de eventos os profesionais coinciden en que algúns dos elementos máis demandados está sendo a instalación de mesas doces e os “photocalls” para a diversión e entretemento dos invitados.

Os visitantes que se achegaron ata o recinto esta fin de semana puideron descubrir tamén moitos tesouros escondidos na 1º Feira de Antigüidades, que destacou polo coidado e a calidade das mercancías achegadas ata o pavillón dende toda a xeografía española. O interese espertado por esta oferta facilitará a organización de próximos certames deste tipo nos vindeiros anos, segundo manifestou a empresa promotora da mesma.

Expourense - Recinto Ferial

 

Relacionado con: :