A Fundación promove a cuarta edición dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas galegas e á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia

 “Paixón polo cliente”. Este é o lema do Día Mundial da Calidade 2014 que terá lugar este xoves 13 de novembro e que, como é habitual nos últimos anos, Expourense celebrará organizando unha Xornada de Exaltación que inclúe a entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente. Esta xornada enmárcase nos actos da XX Semana Europea da Calidade.

Esta iniciativa, que conta co patrocinio de ABANCA e é un proxecto cofinanciado polo IGAPE, ten como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente. Deste xeito, poténciase a existencia de empresas e administracións competitivas nun escenario globalizado.

Esta xornada inclúe unha mesa redonda na que participan tres recoñecidos profesionais no eido da calidade que analizarán o tema deste Día Mundial da Calidade “Paixón polo cliente. A enerxía que move os sistemas de calidade empresarial”. Participarán o director xeral do Grupo HPS, Manuel Galán; o director territorial de AENOR, Martín Pita e o director xerente de Expourense como entidade que promove o único acto celebrado en Galicia con motivo deste día, Alejandro Rubín.

Premios Líderes en Calidade

Por cuarto ano consecutivo, un xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación AENOR e a consultora Serviguide, apostan por entregar os premios “Líderes en Calidade” a empresas galegas. Éstas pertencen aos sectores que máis preocupan ao cidadán como son a Alimentación, a Sanidade, a Educación ou o Medioambiente-Sustentabilidade; pero tamén ao empresario como é o caso da internacionalización, nun momento no que contar con estas certificacións convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto.

A xornada comprenderá unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuir a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente, independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.

As entidades elixidas como “Líderes en Calidade” polo Comité Executivo de Expourense no 2014 son:

– Sector Agrolimentario: Torres de Núñez (Lugo).

– Sector Sociosanitario: Complexo Hospitalario universitario de Santiago: Unidad de Oncohematoloxía (A Coruña).

– Internacionalización: S.A. de Obras y Servicios, COPASA (Ourense).

– Educación: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Farase ademais unha distinción especial á traxectoria profesional ó Profesor Francisco José Pena Castiñeira pola súa proxección da Educación Medioambiental. Este último premio será unha das novidades desta edición ó recaer sobre unha persoa e non sobre unha empresa. Natural de Ponteareas (1955), o profesor Francisco Pena foi pioneiro e impulsor da saúde ambiental en Galicia. Pero a súa laboura non quedou na Comunidade galega, senón que ten un recoñecido prestixio internacional como investigador, defensor e comunicador, en materia de medio ambiente e saúde.

O horario desta xornada será de 11.00 a 13.30 h. A entrada é libre pèro require de inscrición previa a través de expourense@expourense.org ou do número de teléfono 988 36 60 30.

Con esta actividade xa habitual no calendario de eventos de Expourense, a Fundación contribúe a cumprir os seus obxectivos anuais que pasan por fomentar entre as empresas en particular e o resto da sociedade en xeral: a Internacionalización, a Calidade, a Innovación, Emprendemento e a Formación.

 

Relacionado con: :