Destacado Es noticia Motor 

5º RallyMix da Gudiña, 11 quilómetros de terra e asfalto

RallyMix da Gudiña

A quinta edición do RallyMix da Gudiña e Terceiro Memorial “Guillermo Lago” aglutinará, os días 15 e 16 de setembro, automobilismo e natureza nun mesmo evento que será a proba decana do Campionato Galego desta especialidade. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xefe de seguridade da proba, Vicente Vázquez; o piloto local, Felipe Fernández; o presidente da Escudaría HC Competición, Gerardo Armesto; e o xefe da Agrupación de Protección Civil da Gudiña, Jorge Pereira.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que converterá ao municipio da Gudiña durante eses días “na capital do automobilismo galego”, cun evento que a través do deporte contribúe “a dinamizar a vida económica e social da zona”, explicou Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial lembrou que a proba será o terceiro Memorial de “Guillermo Lago”, o anterior alcalde do municipio, “por ser a alma máter deste evento deportivo”.

A proba automobilística comezará o sábado, 15 de setembro, coas verificacións técnicas e administrativas dos vehículos participantes. Así mesmo, os pilotos realizarán o recoñecemento do tramo en vehículos de rúa. A continuación, publicaranse a lista de vehículos autorizados a tomar a saída, para comezar ás 12.00 horas, a primeira pasada ao percorrido do circuíto, que se desenvolverá por pistas de terra e asfalto do municipio, cun trazado de 10,5 quilómetros. Desde as 13.30 ás 15.30 horas haberá un parón e, posteriormente, retomarase a competición con dúas pasadas máis ao circuíto.

Ao día seguinte, o 16 de setembro, realizaranse dúas pasadas máis ao trazado, comezando a primeira ás 10.00 horas. Por último, a entrega dos trofeos está prevista para as 14.00 horas.

“Ata o momento, sen estar aínda pechadas as inscricións, xa están anotados máis de 20 pilotos, aínda que esperamos superar a corentena”, dixo Vicente Vázquez, quen destacou que esta proba “ten moi boa acollida entre os pilotos, por ser mixta, e desenvolverse por terra e asfalto, o que a fai máis divertida”. Así mesmo, Vicente Vázquez sinalou que a proba “tamén está pensada para aqueles pilotos que se están a iniciar no automobilismo”. Neste mesmo senso, Felipe Fernández, gañador da edición pasada, dixo que o percorrido da proba está “moi ben deseñado e acondicionado, con tramos rápidos e técnicos”.

Por último, o alcalde da Gudiña asegurou que era un “orgullo” acoller xa a quinta edición desta proba “consolidada no calendario deportivo galego, e tamén a nivel nacional xa que participarán pilotos doutras Comunidades Autónomas”, e adiantou que continuarán a traballar para que sexa “un referente no mundo do motor”.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.