Destacado Es noticia Motor 

5º RallyMix da Gudiña, 11 quilómetros de terra e asfalto

RallyMix da Gudiña

A quinta edición do RallyMix da Gudiña e Terceiro Memorial «Guillermo Lago» aglutinará, os días 15 e 16 de setembro, automobilismo e natureza nun mesmo evento que será a proba decana do Campionato Galego desta especialidade. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o xefe de seguridade da proba, Vicente Vázquez; o piloto local, Felipe Fernández; o presidente da Escudaría HC Competición, Gerardo Armesto; e o xefe da Agrupación de Protección Civil da Gudiña, Jorge Pereira.

A Deputación de Ourense co-organiza este evento deportivo que converterá ao municipio da Gudiña durante eses días «na capital do automobilismo galego», cun evento que a través do deporte contribúe «a dinamizar a vida económica e social da zona», explicou Rosendo Fernández. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial lembrou que a proba será o terceiro Memorial de «Guillermo Lago», o anterior alcalde do municipio, «por ser a alma máter deste evento deportivo».

A proba automobilística comezará o sábado, 15 de setembro, coas verificacións técnicas e administrativas dos vehículos participantes. Así mesmo, os pilotos realizarán o recoñecemento do tramo en vehículos de rúa. A continuación, publicaranse a lista de vehículos autorizados a tomar a saída, para comezar ás 12.00 horas, a primeira pasada ao percorrido do circuíto, que se desenvolverá por pistas de terra e asfalto do municipio, cun trazado de 10,5 quilómetros. Desde as 13.30 ás 15.30 horas haberá un parón e, posteriormente, retomarase a competición con dúas pasadas máis ao circuíto.

Ao día seguinte, o 16 de setembro, realizaranse dúas pasadas máis ao trazado, comezando a primeira ás 10.00 horas. Por último, a entrega dos trofeos está prevista para as 14.00 horas.

«Ata o momento, sen estar aínda pechadas as inscricións, xa están anotados máis de 20 pilotos, aínda que esperamos superar a corentena», dixo Vicente Vázquez, quen destacou que esta proba «ten moi boa acollida entre os pilotos, por ser mixta, e desenvolverse por terra e asfalto, o que a fai máis divertida». Así mesmo, Vicente Vázquez sinalou que a proba «tamén está pensada para aqueles pilotos que se están a iniciar no automobilismo». Neste mesmo senso, Felipe Fernández, gañador da edición pasada, dixo que o percorrido da proba está «moi ben deseñado e acondicionado, con tramos rápidos e técnicos».

Por último, o alcalde da Gudiña asegurou que era un «orgullo» acoller xa a quinta edición desta proba «consolidada no calendario deportivo galego, e tamén a nivel nacional xa que participarán pilotos doutras Comunidades Autónomas», e adiantou que continuarán a traballar para que sexa «un referente no mundo do motor».

Noticias relacionadas