Destacado Montaña 

O Club Alpino Ourensán cruza os Picos de Europa polos cumios mais elevados

 

Acadaron o cumio do Peña Santa de Castilla, Torrecerredo, cima mais alta de Asturias e dos Picos de Europa, así como a cima da Morra de Lechugales.

O CLUB ALPINO OURENSÁN CRUZA OS PICOS DE EUROPA ACADANDO OS CUMIOS MAIS ELEVADOS.

Dous anos atrás, o Club Alpino Ourensán, comezou unha actividade co obxectivo de cruzar a pé a Cordilleira Cantábrica de oeste a leste a través dos seus macizos mais importantes, e esta pasada semana, durante oito días seguidos, varios socios cruzaron os Picos de Europa como punto final deste proxecto denominado «Transcantábrica. A travesía do norte».

Entre o 10 e o 18 de xuño, varios socios, saíron do Puerto de Panderrueda, no oeste do macizo dos Picos de Europa, co obxectivo de cruzalo a pé, e ascender o cumio mais elevado de cada un dos macizos que forman os Picos de Europa. Durante oito días, os montañeiros comezaron polo primeiro dos macizos, o occidental, acadando o cumio do Peña Santa de Castilla, unha montaña que ata pola súa ruta mais sinxela, esixe escalar para chegar a súa cima. Durante os seguintes días, sería a quenda dos macizos central e oriental, nos que ademais de camiñar por algúns dos sitios mais descoñecidos dos Picos de Europa, acadaron o cumio do Torrecerredo, cima mais alta de Asturias e dos Picos de Europa, así como a cima da Morra de Lechugales.

Foron oito días, o que os montañeiros do Club Alpino Ourensán precisaron para ascender os tres cumios, percorrendo mais de 75 km, realizando 15.000 metros de desnivel poñendo así fin a unha actividade que comezaron en abril de 2015 e que lles levou a percorrer a través Cordilleira Cantábrica os diferentes macizos montañosos que a forman. 310 quilómetros a pé, mais de 47.000 metros de desnivel e 65 cumios foron o resultado, e o punto final poñíao cruzar os tres macizos dos Picos de Europa ascendendo ademais os picos de maior altitude de cada un deles.

Noticias relacionadas