Destacado Es noticia Montaña 

Celebrado o 5º Maratón de escalada do Canón do Sil

5º Maratón de escalada do Canón do Sil

A quinta edición do Maratón de escalada do Canón do Sil, organizado polo Club Alpino Ourensán, reuniu este pasado domingo a 20 escaladores.

Foto: Club Alpino Ourensán

O ‘Maratón de Escalada Canón do Sil’, a xa consolidada proba de resistencia ourensá reuniu nas vías da Escola de Escalada do Canón do Sil a 10 cordadas formadas por dous escaladores (20 participantes) que compartiron un día de escalada e competiron por facerse co título nunha xornada de 12 horas ininterrompidas de actividade. Numeroso público e interesados por este deporte achegáronse a esta zona da Ribeira Sacra para gozar dunha xornada de competición e bo ambiente ao redor deste espectacular deporte.

Foto: Club Alpino Ourensán

Ás 08:30 horas da mañá e cos primeiros raios de sol, comezaban os escaladores unha longa xornada, con 12 horas por diante para escalar o maior número de itinerarios (vías de escalada), os participantes fóronse distribuíndo polas diferentes zonas da escola segundo a estrategía que cada un elaborara para tentar escalar o máximo posible. Tamén houbo lugar para escaladores que máis tranquilamente decidiron facer desta xornada un día para compartir escaladas con outros compañeiros.

O tempo acompañou nesta ocasión e contribuíu ao bo desenvolvemento do evento. Excelente temperatura e nula precipitación, permitiron aos equipos ir escalando metros sen parar.

Foto: Club Alpino Ourensán

Ás 20:30 horas tras 12 horas, deuse por concluída a xornada, resolvéndose o resultado da proba nos últimos minutos e espremendo o tempo ao máximo os escaladores, chegando ao punto de control nos últimos instantes antes de que finalizase o maratón. Por unha vantaxe de 3 vías, a cordada composta por Miguel Aviñoá e Lucas López que realizaron 79 vías e 524 puntos resultaron gañadores, seguidos por Roberto Rodríguez e Miguel Feijoo que con 76 vías e 490 puntos resultaron segundos. Terceiros acabaron Victor Barro e Samuel Viso con 56 vías completadas e 284 puntos.

Clasificación (Puesto, Nombres, vías y puntos)

  1. Lucas e Miguel 79 (524.63)
  2. Miguel e Roberto 76 (490.98)
  3. Victor e Samuel 56 (284.55)
  4. Mundi e Tino 38 (242.2)
  5. Ruben e Karina 21 (193.36)
  6. Miriam e Juan 23 (188.33)
  7. Laura e Chicho 29 (168.1)
  8. Alicia e Rodrigo 19 (131.93)
  9. Pablo e Arturo 16 (95.87)

Tras a entrega de premios os participantes compartiron unha cea na que gozaron do intercambio de experiencias nunha xornada na que reinou o bo ambiente e deixou moi bo sabor de boca.

Noticias relacionadas