Ximnasia Pavillón Ourense e Escola Pavillón presentaron a nova temporada de rítmica
PRESENTACIÓN DA TEMPORADA DOS CLUBS XIMNASIA PAVILLÓN OURENSE E ESCOLA PAVILLÓN
Con moita afluencia de familiares e amigos, este sábado día 7 os clubs Ximnasia Pavillón Ourense e Escola Pavillón presentaron o traballo deste inicio de temporada de rítmica, acompañados da sección de rítmica do Club Deportivo Miraflores como invitada.

Os clubs pavillonistas volveron mostrar unha vez máis o seu carácter de Escolas Deportiva non só de ximnastas senón tamén de adestradores. Neste momento son sete as ximnastas dos equipos sénior de rítmica que están realizando prácticas de Nivel I con ximnastas de competición autonómica a carón das adestradoras titulares.
Foron un total de 31 conxuntos (dous deles de ximnasia estética de grupo), 25 exercicios individuais (catro deles de ximnasia masculina) e 3 exercicios de exhibición de ximnasia xeral, os que se deron cita neste evento que pasou de dúas horas de duración. Estaban presentes todas as categorías dende iniciación ata senior.
Durante o desfile final, no que asistiron algúns dos participantes, os e as ximnastas fixeron unha mención á Igualdade mostrando nos seus carteis unha mensaxe ás familias presentes amosando a frase “SI TU NOS EDUCAS IGUAL SEREMOS IGUALES”
Foi un día de toma contacto co tapiz, para moitas ximnastas por primeira vez en nivel competitivo. A temporada que estes clubs están iniciando ten obxectivos ambiciosos pero sobre todo é mostra dunha canteira moi ampla con unha pirámide moi ben estruturada, froito da colaboración de ambos.
En nivel escolar serán 18 os conxuntos dende iniciación ata sénior, que participarán tanto na Copa Deputación como no clasificatorio provincial que da acceso ó autonómico deste nivel competitivo. Algunhas das compoñentes destes equipos participarán tamén na Copa Deputación con exercicios individuais.
No seguinte nivel están os 5 conxuntos de promoción autonómica de categorías dende prebenxamín ata cadete. Tamén poderemos ver exercicios individuais executados por algunhas das súas ximnastas nas diferentes fases provinciais e autonómica deste nivel.
Xa en categoría nacional a previsión para todo o ano 2020 é a seguinte:
- 4
conxuntos de nivel absoluto nacional:
- Infantil e senior do CXPOurense, que están xa competindo neste nivel dende ha anos e participando asiduamente nas tres fases de Copa de España e Nacionais Absolutos.
- Junior e senior Escola Pavillon que comezarán a súa participación neste nivel cara ó mes de maio para loitar pola súa praza no nacional absoluto de final de ano. Para ambos conxuntos será o primeiro contacto co nivel absoluto, un deles participou o fin de semana pasado no clasificatorio de nivel base.
- 3
conxuntos de nivel base nacional:
- Os conxuntos alevín e cadete, que participarán na Copa de España Base tras lograr a clasficación o fin de semana pasado.
- Conxunto alevín base de segundo ano que están iniciando a preparación do exercicio para a competición no Nacional Base de novembro.
- 2 equipos individuais constituídos por seis ximnastas, 3 de categoría infantil e 3 de categoría senior que buscarán a súa clasificación para o Nacional de Clubs a celebrar en Salamanca no vindeiro mes de xuño.
- 4 ximnastas masculinos de nivel absoluto (2 de CXPOurense e dous do Escola Pavillón)
- 2 equipos de Ximnasia Estética de Grupo, constituídos por ximnastas dos conxuntos anteriores, que participarán na Liga Federacións Interautonómica nesta modalidade.
Os equipos técnicos pretenden continuar mantendo esa praza importante do panorama galego da rítmica, intentando mellorar as clasificacions de 2019 en todos os niveis de competición.
A todo isto o CXPOurense engade este ano un equipo de categoría master constituído por ximnastas todas elas maiores de 20 anos, ex ximnastas de nivel nacional, universitarias e adestradoras que se xuntan unha vez na semana para practicar o seu deporte favorito. Elas son Candela Sierra, Paula do Olmo, Ana Mangana, Loreto Blanco e Antía Vázquez.

TRAMPOLÍN
Por súa parte, a modalidade de trampolín conta na actualidade con 6 grupos de traballo agrupados en dous niveis de competición:
1. NIVEL ESCOLAR: O obxectivo técnico destes grupos é acadar as habilidades que lle permitan participar na competición Escolar Autonómica. Distribuídas nas distintas categorías as e os ximnastas poden participar na Copa Galicia Escolar e no Campionato Galego Escolar onde se miden con ximnastas de toda Galicia, pasando pola súa participación na Copa Deputación.

2.- NIVEL BASE E ELITE. Estes son os dous niveis que existen en Trampolín na competición nacional. O obxectivo técnico no Nivel Base e acadar os elementos de dificultade que lles permita unha boa participación no Campionato Galego de Base e posteriormente no Campionato de España de Base. Na última temporada o Club presentou a 15 ximnastas e o equipo proclamuse Campión de España en Trampolín Base.
O Nivel Elite é o mais alto nivel de competición na Ximnasia de Trampolín. O Club ven desenvolvendo unha moi boa labor tamén con estes deportistas. O obxectivo competitivo para estes deportistas é acadar a clasificación que a Real Federación Española esixe para participar no Campionato do Mundo por Idades, sendo nos últimos o Club con mais representación na Delegación Española. No 2020 ao ser o ano no que se celebran os Xogos Olímpicos (Tokio) non terá lugar o Campionato do Mundo por Idades. Terá lugar, sin embargo, o Campioanto de Europa en Goteborg e a tal fin o Club está preparando algún dos seus ximnastas que poden ter posibilidades de participar. Para lograr os seus obxectivos estes ximnastas teñen previsto competir en varias competicións internacionais, tanto en España como en Portugal.