Destacado Gimnasia 

VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica «Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal»

O VI Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica «Vila de Ribadavia-Ourense Provincia Termal» terá lugar os vindeiros días 13, 14 e 15 de abril, no Pazo dos Deportes «Paco Paz». A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González: o xefe do Servizo de Deportes da Xunta, Mario Guede; e o presidente e a adestradora do Club Marusia, Juan Abal e Pilar Vázquez, respectivamente.

Rosendo Fernández destacou a importancia de desenvolver este evento deportivo que sitúa á provincia de Ourense «no primeiro plano da Ximnasia Rítmica Nacional e contribúe no desenvolvemento económico da provincia, fomentando o turismo e dando a coñecer os nosos produtos». Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou a traxectoria deste Torneo que foi incrementando en cada edición o número de participantes chegando, nesta sexta edición, «aos máis de 1.000 ximnastas procedentes de 38 clubs de Galicia, Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, A Rioxa, País Vasco, Murcia e Portugal».

«Mostra do interese que suscita este evento entre os clubs desta disciplina deportiva é que as inscricións para o mesmo pecharon en só 50 minutos», engadiu Rosendo Fernández.

No relativo á programación, Juan Abal explicou que o evento, organizado polo Club Marusia Ourense, comezará o xoves, 13 de abril, coa competición de conxuntos escolares e conxuntos de promoción e individuais de promoción. Ao día seguinte, o venres, 14 de abril, será a quenda para a competición de ximnastas de base, pola mañá, e federadas, pola tarde. Ademais, o presidente do Club Marusia destacou a repercusión «económica» e «turística» que ten este evento na provincia de Ourense.

Por último, o sábado, 15 de abril, terá lugar unha Master Class de Ximnasia Rítmica, cunha duración de 7 horas, sobre o manexo dos diferentes aparatos empregados nesta disciplina deportiva impartida pola medalla de ouro olímpica, Margarita Mamun. Nela participarán «150 ximnastas, 40 adestradoras de diferentes clubs do panorama nacional, así como a xente que estará nas gradas como ouvintes», dixo a adestradora do Club Marusia, quen engadiu que «as inscricións para participar nela remataron aos 20 minutos». Trala Master Class terá lugar unha gala de clausura, a partir das 20.00 horas.

Mario Guede destacou a «calidade dos participantes» neste evento e invitou a todos os ourensáns a «gozar desta disciplina deportiva no Pazo dos Deportes para o cal a entrada será gratuíta». Pola súa parte, Bernardino González agradeceu ao Club Marusia «o labor que realiza en materia social coas súas escolas, así como a organización deste evento de tanta participación e calidade, que na súa sexta edición, pode considerarse unha cita deportiva consolidada na nosa provincia».

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: