Destacado Es noticia Gimnasia 

Máis de 800 deportistas na Final da Copa Deputación de Ximnasia en Xinzo

Copa Deputación de Ximnasia 2019

O evento deportivo terá lugar o vindeiro sábado, 25 de maio, no pavillón municipal de Xinzo.

O pavillón municipal de Xinzo de Limia acollerá o vindeiro sábado, 25 de maio, a Fase Final da Copa Deputación 2019 de Ximnasia, na que se darán cita máis de 800 deportistas en horario de mañá e tarde. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, Luis Miguel Gil; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; a vicepresidenta e o directivo do Club EDC Xinzo, Heidy Carolina Trinidad e Néstor González.

Este evento deportivo chega a súa final, este fin de semana, en Xinzo de Limia, “tras disputarse as fases previas no Carballiño, Maceda e Celanova en datas anteriores”, sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou que “son case 40 as modalidades deportivas que promove a institución provincial a través das Copas Deputación por toda a provincia”.

O concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, quen destacou a cooperación entre as diferentes entidades para desenvolver eventos destas características, dixo que o obxectivo do Concello de Xinzo é, ademais de fomentar o maior número de disciplinas deportivas posibles, “trasladar a nosa poboación que o deporte xera riqueza no noso municipio”.

José Manuel Estévez explicou que a Fase Final da Copa Deputación de Ximnasia contará “cunha parte competitiva, na que se darán cita ximnastas con cualidades físicas e horas de adestramento similares, para dar a oportunidade a todos de subir ao podio, e outra parte de exhibición na que deixamos participar a tódolos ximnastas que hai na provincia de Ourense”.

Presentación da fase final da copa Deputación 2019 de ximnasia, trampolín e tumbling que se realizará en Xinzo. Asisten Rosendo Fernandez (VicePresidente Deputaicón Ourense), Luis Miguel Gil (Concelleiro deportes de xinzo), José Manuel Estévez (Presidente Federación Galega de Ximnasia), David Carnero (Técnico deportivo concello de Xinzo), Heidy Carolina Trinidad (Vicepresidenta Club EDC Xinzo) e Néstor González (Directivo do Club EDC Xinzo).

Por outra banda, o domingo, 26 de maio, a partir das 10.30 horas, disputarase a Copa Escolar Galega de Ximnasia de Trampolín, na que participarán preto de 200 deportistas de toda Galicia. “Trátase dunha nova competición que vai a nacer o vindeiro domingo en Xinzo de Limia”, explicou o presidente da Federación Galega de Ximnasia. Neste mesmo sentido, Néstor González dixo que esta nova competición “motivará aos nenos escolares a mellorar e adestrar máis”.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.