As benxamíns abriron a participación do Ximnasia Pavillón no Nacional de Conxuntos
Campionato Nacional de Conxuntos Nivel Base
Copa De España de Conxuntos Nivel Absoluto
Nestes días está tendo lugar no Navarra Arena de Pamplona (7 e 8 de novembro) o Campionato Nacional de Conxuntos de nivel base, onde están presentes un conxunto alevín do Escola Pavillón e catro conxuntos do Club Ximnasia Pavillón Ourense (benxamín, infantil, cadete e xuvenil).
O mércores partía a primeira expedición cos conxuntos benxamín, alevín e xuvenil. O conxunto benxamín competiu na xornada do xoves obtendo un excelente resultado, ocuparon o posto 11 dos 30 conxuntos participantes no seu primeiro ano en competición nacional e con aparato, despois de competir no nivel inferior a este (promoción) no mes de xuño no que se proclamaran campioas galegas. Realizaron un exercicio moi correcto mostrando o excelente traballo da tempada.
O venres na xornada de mañán competirán as alevíns e infantís. Por súa parte as cadetes e xuvenís base competirán o sábado.
O domingo as pavillonistas terán outra dura xornada competitiva. Serán os conxuntos alevín e sénior nivel absoluto os que se midan cos mellores conxuntos nacionais na Copa de España.