Destacado Es noticia Futbol 

A U.D. Ourense afiánzase na praza de ascenso trala victoria fronte o Valladares

A UD Ourense supera con contundecia ó Valladares, cun resultado de 3-0 no Couto. Josu, Hugo e Xoel foron os autores dos tantos vermellos, que aproveitan os tropezos dos seus perseguidores para afastalos a 3 puntos.

U.D. Ourense 3 – 0 C.D. Valladares

Crónica: U.D. Ourense – Fotos: Yedra Seara

As pantasmas afástanse de O Couto despois do triunfo dos vermellos sobre o Valladares. Unha vitoria moi traballada e loitada dende o comezo ante un rival que deu guerra e que a pesares do resultado, obrigaron aos de Fernando Currás a suar para acadar un valioso triunfo. 3 puntos de ouro que sitúan aos ourensáns nunha posición privilexiada na táboa, con 3 puntos de vantaxe sobre Bande, Moaña e Porriño e a 4 do líder, un Estradense que visitarán a vindeira fin de semana.

O partido arrincou sen un claro dominador e con poucas ocasións. Co paso dos primeiros minutos, os visitantes repregánronse en busca de aguantar as primeiras acometidas locais, que sen embargo tardaron en chegar, dado o bo posicionamento defensivo dos locais, que non concedían oportunidades. Foi o Valladares, tras aproveitar unha contra cun balón ás costas da zaga, o que tivo a primeira ocasión. Mintegui plantábase só ante Pato, pero Corzo chegaba para abortar a ocasión.

Foto: Yedra Seara

Sería o dianteiro o que voltaría dispoñer dunha boa ocasión á saída dun saque de curruncho. O seu remate marchaba desviado da meta de Pato. Os vermellos replicaban con timidez, aínda que controlaban a posesión. Josu e Alfredo serían os protagonistas do primeiro tanto vermello, nunha asociación na banda dereita que esnaquizaba a muralla implantada polo Valladares e que deixaba ao zagueiro vermello nunha posición envexable, na que se sacou un tiro cruzado para inaugurar o marcador.

Tan só dous minutos despois, Hugo faría o segundo o cazar un coiro na área. O dianteiro enviaba o esférico ao fondo da rede e deixaba o partido prácticamente visto para sentenza. Co 2-0 os unionistas adicáronse a tocar con tranquilidade e controlar un partido que custou abrir.

Na segunda metade, máis do mesmo, cun Valladares que tardou en propoñer algo en ataque e cos locais controlando o coiro ata o final do encontro. As ocasións tardaron en chegar, pero antes houbo oportunidades para ver a entrada de varios xogadores. Vieytes debutaba ca elástica vermella os poucos minutos de iniciarse o segundo acto. Os xuvenís Carlos e Xoel tamén tiveron a súa oportunidade e serían os protagonistas do terceiro. Gran arrincada de Xoel, que combina con Carlos, que rompe a varios rivais e asiste novamente ó xoven dianteiro, que definiu á perfección.

Moi bo partido e imaxe ofrecida ante a afección, que na vindeira xornada se desprazará en masa, para acompañar ó seu equipo na súa visita ó campo do líder, o CD. Estradense.

Noticias relacionadas