Destacado Es noticia Futbol 

Presentación da VII Edición do Memorial Manolo Carrera

VII Edición da Memorial Manolo Carrera

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu a presentación da VII Edición do Memorial Manolo Carrera que terá lugar os vindeiros 29 e 30 de setembro no Campo de Fútbol Monte da Aira en Velle.

Estas foron as palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez:

“Antes que nada quixera agradecer ao Club Deportivo Velle pola oportunidade que nos ofrecerá esta fin de semana para vivir unha nova edición do Memorial Manolo Carrera, unha das súas citas máis entrañables da nosa cidade co deporte de base.

Xa van sete edicións dunha competición coa que reivindicamos a figura de Manolo Carrera, un home que adicou a súa vida a traballar polo deporte base, ese que ten o máis sobranceiro dos fins que non é o de gañar Copas, senón o de sementar valores na nosa infancia para que sexan mellores homes e mulleres o día de maña.

A través deste certame a cativada que compite nas categorías prebenxamín e benxamín fai seus os valores do esforzo, o afán de superación, o traballo en equipo e un lecer saudable, seguindo o camiño iniciado por Manolo Carrera.

Nesta sétima edición poderemos gozar dun espectáculo deportivo no que participarán máis de 400 rapaces e que espera a afluencia de máis de 1.500 persoas nas instalacións municipais de Monte da Aira en dous días de competición. O sábado terá lugar a categoría prebenxamín e o domingo, 30 de setembro, será o turno dos benxamíns.

Entre os 32 equipos participantes atópanse algunhas das mellores escolas de fútbol base de Galicia, como a do Celta de Vigo, o Deportivo de A Coruña, o Club Deportivo Lugo ou o Club Deportivo Coya.

A presenza internacional correrá a cargo do Grupo Desportivo de Chaves.

Xunto a eles, coa mesma alegría e ganas de divertirse de todas as fines de semana, xogarán os rapaces que están a nutrir as categorías base do fútbol provincial.

Ese é o gran tesouro deste Memorial. Porque nesta competición hai estrelas, hai ilusión e a oportunidade de ver aos que están chamados a ser os protagonistas do fútbol provincial, autonómico e, porque non, nacional dos vindeiros anos.

Eles serán o motor do noso deporte, e saben que ao seu lado poden contar sempre coa implicación de entidades como o Club Deportivo Velle ou o resto de clubes de Ourense que perpetúan esa estupenda labor que iniciou Manolo Carrera.

Dende o Concello de Ourense recollemos o reto de seguir apostando polo futuro do noso deporte e facémolo noso un ano máis. Xa van sete, pero estamos seguros de que serán moitos máis.”

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.