Destacado Es noticia Futbol 

Los penaltis dejan sin Copa al Ourense CF tras remontar tres veces al Compostela

A SD Compostela proclamouse campión da final autonómica da Copa RFEF despois de derrotar ao Ourense CF na quenda de penaltis. Os dous equipos protagonizaron unha gran final, sobre todo nunha segunda metade na que houbo practicamente de todo.

Ourense CF Copa - Futgal.es

O conxunto santiagués foi quen de adiantarse no marcador grazas aos goles de Miki e de Rodri Alonso, pero o Ourense CF nunca tirou a toalla e chegou a empatar o partido. Na prórroga, Germán Nóvoa anotaba o 2-3 ao rematar á súa propia portería un servizo desde a banda esquerda e Adri Castro levaba a final aos penaltis na recta final do tempo extra. Desde os 11 metros, o Compos estivo máis atinado.

A primeira parte foi moi disputada e repleta de alternativas. De inicio foi a SD Compostela a que quixo levar o peso da final a través da posesión do coiro ante un Ourense CF que tentou sorprender á contra ao conxunto compostelanista.

O primeiro en golpear foi o conxunto dirixido por Yago Iglesias. No minuto 20 do enfrontamento, Miki gañoulle as costas á cobertura ourensá e definiu no man a man ante Diego García para poñer por diante ao Compostela.

O tanto sentou como un auténtico xerro de auga fría no bloque visitante, que tentou reaccionar estirando liñas, aínda que os de Fran Justo apenas puxeron en apertos ao gardameta visitante Anxo Pérez.

Co triunfo pola mínima do colectivo santiagués chegouse ao descanso.

O Ourense CF moveu ficha tras o descanso dando entrada a Pibe por Antón Concheiro, pero o guión da final apenas variou. Máis ben todo o contrario para os intereses do bloque ourensán, posto que na primeira chegada á área do Compostela na segunda parte, Rodri Alonso anotou o 0-2 cun disparo cruzado despois dunha boa combinación na frontal da área con Mon.

Con todo, e cando o partido parecía moi encarrilado para o Compostela, o Ourense CF meteuse de cheo no mesmo grazas a unha pena máxima transformada por Renan Zanelli no minuto 59.

O gol deu ás ao elenco de Fran Justo, que veu arriba e foi con todo a por o empate, algo que lograría no minuto 72 cun zapatazo de Adri Castro que se coou na portería defendida por Anxo Pérez.

Na recta final do encontro, o Ourense CF tivo outra boa oportunidade para desfacer o empate, pero o lanzamento de Martín Lamelas marchou moi preto do longueiro da meta compostelanista.

Co empate a dous no marcador do campo de Baltar chegouse ao final do encontro.

Na prórroga, o desgaste físico comezou a facer efecto nas pernas dos dous equipos, aínda que a ilusión por levar a copa a casa seguía latente sobre o tapete de Baltar. Os de Yago Iglesias volverían poñerse de novo por diante no electrónico no minuto 5 da primeira parte da prórroga grazas ao tanto en propia portería de Germán Nóvoa, que cabeceou ao fondo da súa meta un centro desde a banda esquerda de Brais Abelenda.

Pese ao mazazo, o Ourense CF non tirou a toalla e no segundo minuto da segunda parte da prórroga volveu igualar a final grazas ao tanto, outro máis, de Adri Castro, que rematou ao fondo da portería un servizo de Sergio Barcia tras unha acción a balón parado.

E tivo o cuarto o conxunto de Fran Justo un minuto despois do empate grazas a unha acción individual marabillosa de Pibe, pero o seu disparo pegou no pau.

Co empate a tres goles chegouse ao final da prórroga e nos penaltis estivo máis atinado o Compostela (6-7). O penalti decisivo anotouno Gabri Palmás despois do erro de Martín Lamelas.

Crónica: Futgal.es

Ficha técnica

Ourense CF: Diego García; Willian, Germán Nóvoa, Juanma Justo, Sergio Barcia, Pedro Delgado (Portela, min. 66), Adri Castro, Antón Concheiro (Pibe, min. 46), Martín Lamelas, Renan Zanelli e Rubén Martínez (Iker Revuelta, min. 84).

SD Compostela: Anxo Pérez, Saro, Queiruga, Álvaro Casas, Roberto Baleato, Mon (Samu, min. 67), Miki, Pablo Antas (Josiño, min. 85), Rodri, Gabri Palmás e Brais Abelenda.

Árbitro: García Lesta (Pontevedra). Amoestou con tarxeta amarela a Álvaro Casas e Josiño por parte local e a Renan Zanelli, Germán Nóvoa, Iker Revuelta e Pedro Delgado polos visitantes.

Goles: 0-1, Miki (min. 20). 0-2, Rodri Alonso (min. 53). 1-2, Renan Zanelli, de penalti (min. 59). 2-2, Adri Castro (min. 72). 2-3, Germán Nóvoa en propia meta (min. 95). 3-3, Adri Castro (min. 107).

Campo de Baltar (Portonovo). Unhas 500 persoas na bancada.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.