A RFGF buscará alternativas ao uso da máscara para adestramentos e competición
COMUNICADO OFICIAL
A REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL BUSCARÁ ALTERNATIVAS AO USO DA MÁSCARA PARA OS ADESTRAMENTOS E A COMPETICIÓN
Todos os estamentos do fútbol galego e médicos especialistas trasladaron durante o día de onte a súa negativa ao uso da máscara na práctica do fútbol
A RFGF someterá á aprobación da Secretaría Xeral para o Deporte e da Consellería de Sanidade un protocolo con medidas alternativas que permitan xogar ao fútbol con garantías sanitarias e sempre que exista o consenso maioritario dos clubs
Rafael Louzán remarca que o fútbol tamén quere trasladar á sociedade a súa implicación na posta en marcha de medidas que contribúan a mitigar os efectos da Covid-19
Unha vez coñecida a ORDE do 17 de setembro de 2020 da Consellería de Sanidade, na cal se abriu a posibilidade da práctica deportiva con contacto pero coa obriga de usar máscara nos adestramentos e na competición, a Real Federación Galega de Fútbol comezou unha intensa rolda de consultas con todos os estamentos do fútbol galego e tamén con médicos especialistas en mediciña deportiva para analizar a viabilidade do uso da máscara na práctica do fútbol. E logo de escoitar infinidade de opinións e valoracións, a conclusión á que chega a RFGF é que se deben buscar medidas alternativas ao uso da máscara tanto para os adestramentos como para os partidos de fútbol.
Desde a RFGF agradecemos o esforzo que se está a facer desde a Secretaría Xeral para o Deporte e da Consellería de Sanidade para recuperar unha certa normalidade no deporte, e entendemos que esa actualización do protocolo supón un gran avance para moitas disciplinas deportivas. Pero atendendo a esa análise realizada no día de onte e tendo en conta o referido na citada Orde da Consellería de Sanidade, a RFGF xa está a traballar para presentarlle á Secretaría Xeral para o Deporte un protocolo actualizado con medidas alternativas de protección específica, posibilidade esta que deixa aberta a propia Consellería na Orde publicada este xoves.
Rafael Louzán xa lle comunicou esta postura do fútbol galego ao propio secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, remarcando que a RFGF presentará en breve ese protocolo actualizado que debe ser aprobado e autorizado pola propia Secretaría e que terá como obxectivo poder iniciar as competicións cando as autoridades sanitarias así o consideren, e sempre con medidas que ofrezan garantías sanitarias. Porque o fútbol quere recuperar a actividadde, pero non a calquer prezo, xa que a prioridade segue a ser a saúde dos deportistas. E neste sentido desde a Federación enténdese que o deporte debe xogar un importante papel na medida en que a práctica deportiva é sinónimo de saúde, de hábitos saudables e tamén de formación.
O presidente da RFGF remarca o compromiso do fútbol galego en contribuir coa sociedade na posta en marcha de medidas que teñen como obxectivo loitar contra a propagación do virus. Engade Louzán que a Federación axudará aos clubs con medios económicos na posta en marcha desas medidas.
Unanimidade nos diferentes estamentos
Todos os estamentos do fútbol galego coinciden en rexeitar o uso da máscara na práctica deportiva. Ningún dos futbolistas, dos adestradores, dos árbitros, nin dos clubs consultados deron unha valoración favorable do uso da máscara e en resposta a esa valoración unánime, a Federación ten claro que debe buscar e traballar a fondo para poñer en marchas esas solucións alternativas.
A Coruña, 19 de setembro de 2020
A XUNTA DIRECTIVA DA RFGF