Auriense Mecos 2018Es noticia Futbol gaélico 

Segunda victoria para Auriense na liga galega de fútbol gaélico

Auriense FG 05-14 (29)- MECOS FG 02-13 (19)

Despois da victoria da pasada semana en terras coruñesas contra Ártabros, a equipa masculina do Auriense estreábase como local ante o conxunto de Mecos FG de O Grove, unha equipa que regresaba á competición tras un ano de ausencia.

O partido daba comezo con puntualidade ás 14:30, horario pouco habitual nos partidos no sintético da Universidade, cun sol espléndido. Os primeiros 20 minutos da primeira metade estiveron marcados polo dominio auriensán no marcador, con acerto por porta e a paos, mais no último tramo deste primeiro acto os do Grove acurtaron distancias, cun fenomenal acerto a paos e asegurando as faltas sempre con punto.

Deste xeito a igualdade no tempo de lecer era máxima, 11-11 e toda unha emocionante segunda metade por diante.

A segunda metade comezou con ritmo baixo por parte de ambas equipas, porén a medida que avanzaban os minutos a intensidade e o acerto por parte dos locais foi subindo e en poucos minutos a distancia no marcador atopábase por riba dos 10 tantos. Os visitantes non deixaron de tentalo en ningún momento, pero a distancia mantívose ó final do partido e ficou en 10 tantos ó favor do Auriense.

Auriense Mecos 2018

A vindeira semana toca descanso na Liga Galega, que voltará dentro de 15 días, no mesmo escenario ca hoxe cun rival correoso como Cambados FG, ante o que tentaremos seguir afianzando as boas sensacións dos primeiros partidos de liga.

Noticias relacionadas