Son Libre para correr 2020Es noticia 

A carreira popular ‘Son libre para correr’ celebrará o 8 de marzo a súa segunda edición

  • A carreira non competitiva de 5 km ten como obxectivos reivindicar o papel da muller no deporte, fomentalo entre as persoas que habitualmente non o practican e promover a inclusión social.
  • A inscrición é gratuíta

A cidade de Ourense celebrará o domingo 8 de marzo o Día da Muller cunha carreira popular polo centro da cidade. Co lema “Son libre para correr”, convida a veciñanza a practicar o deporte non competitivo e reivindicar o papel da muller no eido do deporte. A proba sairá ás 11:00 horas da Praza Maior. A inscrición é gratuíta e pódese realizar, ata o mércores, 4 de marzo, a través da web www.ranckr.com

Son Libre para correr 2020

Esta mañá tivo lugar a presentación da proba no salón de plenos do Concello, nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Mario Guede, a concelleira de Igualdade e Política Social, Eugenia Díaz Abella, os representantes da organización, Lalo Arce e José Manuel Regueiro, de Club Box001 Run Maniak Ourense, a deputada provincial Luz Doporto, o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González, e o presidente do Colexio oficial de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leyes.

“Son libre para correr” é un evento deportivo integrador e non competitivo pensado como convocatoria tanto para as persoas ás que lles apaixona correr e facer deporte como para quen se inician ou que nunca pensaron en facelo e queren tentalo. Toma o nome acuñado polo grupo de corredoras do club RunManiak BOX001 «Soy Libre para Correr», que se materializou ademais na creación dun novo grupo de corredoras e corredores que cada semana se xuntan para facer deporte baixo o nome Ahora corro yo. Este grupo será o que abra a carreira do día 8.

Na primeira edición participaron máis de 600 persoas e a organización márcase como obxectivo chegar a 800 este ano. A carreira está pensada para tódolos públicos cun percorrido curto de menos de 1Km para persoas de mobilidade reducida, que sairá ás 10:50 horas da Praza Maior. A carreira de 5 km, ten un percorrido axeitado a todos os niveis. Sairá ás 11:00 h da Praza Maior e discorrerá por Avda. Pontevedra, Desengano, Praza de Abastos, Paseo do Barbaña, Portocarreiro, Pardo de Cela, Paseo do Barbaña (ribeira oposta), Portocarreiro, Pura e Dora Vázquez, Carriarico, Burgas, Bailén Colón, 2 de maio, Prieto Nespereira, Praza de San Cósmede, Hernán Cortés, Praza do Trigo, Cardenal Cisneros, Fornos, Praza do Ferro, Santo Domingo, Bedoya, Paseo, Lamas Carvajal, até rematar na Praza Maior.

A organización corre a cargo do club deportivo RunManiak Box001e Consello Municipal de Deportes, co apoio de Nissan Roferourense, Colexio de Farmacéuticos de Ourense, CocaCola, RunManiak, Concello de Ourense e Deputación de Ourense.

Noticias relacionadas