Atletismo Destacado Es noticia 

A Carreira Popular de Xinzo de Limia 2019 acollerá ao Campionato Galego de 10000

XII Campionato de Galicia de 10.000 metros en ruta – Carreira Popular de Xinzo de Limia 2019

O XII Campionato de Galicia de 10.000 metros en ruta para as categorías Sub20, Sub23, Absoluta e Máster tanto masculina como feminina, disputarase na Carreira Popular de Xinzo de Limia 2019 o vindeiro domingo, 12 de maio. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o concelleiro de Deportes de Xinzo, Luis Miguel Gil; o técnico deportivo do Concello de Xinzo, Óscar Gómez; o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez; e do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que conta “cunha boa e nutrida participación por parte de corredores populares, con máis de 200 inscritos, e tamén por parte dos preto de 200 corredores federados que disputarán o campionato galego. En total daranse cita máis de 400 atletas neste evento deportivo”, explicou Eladio Gómez.

O percorrido da proba, 10 quilómetros homologado pola Real Federación Española de Atletismo, resulta “espectacular e moi bo para facer marca, porque é un dos circuítos máis rápidos de Galicia”, sinalou o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo.

O Campionato de Galicia de 10 quilómetros en ruta celebrarase este ano en Xinzo de Limia sendo “unha das probas máis importantes no calendario atlético da tempada e tamén unha das máis esperadas polos fondistas galegos”, explicou Eladio Gómez, quen destacou o crecente interese de distintos municipios por acoller este campionato galego que ten “unha verdadeira sede itinerante”. A XII edición deste campionato conta “cunha alta participación e un destacado nivel deportivo, polo que converterá a Xinzo de Limia o vindeiro domingo, no epicentro do atletismo de Galicia”, engadiu Eladio Gómez.

Neste mesmo sentido, o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia dixo que acoller esta proba é “unha mostra máis da aposta que realizamos desde o Concello polo deporte”.

En canto á participación, as inscricións populares aínda se poden realizar ao longo do día de hoxe a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

Noticias relacionadas