Ajedrez Destacado 

Xadrez Ourense acaricia o título de Liga na derradeira xornada

Club Deportivo Xadrez Ourense rubrica unha excelente campaña na “Liga de Clubs 2017”

  • O conxunto ourensán viaxará ao Cto. de España de Clubs, o vindeiro mes de Agosto, como única escuadra galega invicta.
  • Ao subcampionato de Liga e á doble permanencia en 1ª, xúntase o ascenso do xoven equipo de 3ª División á 2ª para 2018.
  • Xadrez Ourense “A” acaricia o título de Liga na derradeira xornada, tras unha épica e fermosa xornada de xadrez en Vigo

Liga Galega de Clubs 2017

O sábado 29 de Abril chegábase á derradeira xornada da Liga Galega de Clubs 2017 en todas as súas categorías, con importantes encontros que serían chave para certificar as diferentes aspiracións dos conxuntos ourensáns en competición, dentro de cada unha das categorías en liza desta, agora xa rematada, Liga Galega de Clubs 2017.

División de Honra

Na División de Honra, sen dúbida, o máis salientable era o apaixoante encontro que tería lugar no CUVI de Vigo a partir das 17.00 horas, e que enfrentaría aos dous primeiros clasificados da táboa, ata ese momento invictos, con nove victorias e un empate por cada bando, nas 10 xornadas anteriormente disputadas dunha competición que se prolongou durante 4 meses, dende Xaneiro ata finais de Abril.

Como anfitrión, o líder, “Universidade de Vigo-EXP – Estratexia pola paz”, magnífica escuadra producto da recente fusión entre Universidade de Vigo e Escola de Xadrez Pontevedra, que conta nas súas renovadas ringleiras con ata 8 xadrecistas titulados internacionais e que, mesmo en moitas das 11 xornadas desta liga 2017, alineou ata 5 Mestres dentro do seu sexteto titular. Por parte visitante,  chegaba a Vigo como segundo clasificado, un ilusionado Club Deportivo Xadrez Ourense, campeón da edición anterior de Liga 2016, e que afrontaba esta derradeira xornada cunha moi complicada misión para tentar renovar o título, superar ao líder por un tanteador igual ou superior ao 1.5 – 4.5, co fin de neutralizar a xugosa vantaxe, de 2.5 puntos, coa que os olívicos chegaban a esta derradeira xornada.

Tras un prometedor comenzo para os visitantes, que encarrilaban varias das súas partidas, o Xadrez Ourense comenzaba a coquetear coa fazaña a medida que avanzaba a xornada, en diferentes momentos da tarde os visitantes anotáronse bonitas victorias como as do xoven valor ourensán Adrián Gómez sobre o Mestre Internacional Uruguayo Daniel Rivera, ou as de seu irmán David Gómez e a do M.I. André Ventura sobre os Mestres FIDE locais, David García e Miguel Senlle,  respectivamente, victorias que deixaban aberto un emocionante final. Tras a derrota da internacional Española e ourensanista Yudania Hernández (primeira derrota que sofre en 2 tempadas co conxunto ourensán), e despois dunha nova victoria, esta vez con pezas negras, do M.I. visitante Jorge Viterbo (invicto tras 4 tempadas nas ringleiras ourensanas), sobre o xoven M.I. Alberto Portela, e cun emocionante 1-4 no tanteador provisional, todo quedaba pendente do enfrentamento entre o experimentado Mestre Internacional e capitán vigués, Pablo García e o M.F. visitante Luis Silva, tras unha bonita partida de intercambio de golpes, o primeiro deles, soubo encarrilar o xogo cara un final de partida favorable con poucas pezas sobre o taboleiro coa experiencia e o temple necesarios, e anotou o punto decisivo no casilleiro local e o 2-4 definitivo, que malia a derrota no match, valía un título de liga para os vigueses e supuña o segundo subcampionato ligueiro na recente historia do Club Xadrez Ourense, que remataba esta edición de liga 2017 invicto, con 10 victorias logradas e un só empate cedido.

Ademais dos mencionados nesta derradeira xornada, son de salientar as considerables aportacións ao longo desta liga 2017, de clásicos xadrecistas ourensáns que militan no Xadrez Ourense “A” da División de Honra, como Óscar Salgado, José Saavedra, Iago Prol ou mesmo do xoven debutante Gabriel Roma, que xunto ao xovencísimo Martín Gómez, serán sen dúbida, parte moi importante do proxecto para a División de Honra 2018.

Pola súa parte o Liceo de Ourense, obtivo un novo triunfo na derradeira xornada ante o Círculo de Chantada por 4-2 e completaba unha positiva Liga 2017, rematando nun excelente 5º lugar entre as 12 escuadras participantes e certificando a presenza de dous conxuntos ourensáns na División de Honra para o curso 2018. O combinado liceísta completou unha seria campaña, comandado polo reforzo e Mestre Internacional Cubano Arián González, e tamén grazas, entre outras, ás positivas actuacións realizadas polo Mestre FIDE David Baltar ou o experimentado xadrecista ourensán Marcos Lorenzo, sen esquecerse da aportación do xoven, recentemente incorporado ás ringleiras liceístas, Ángel Domínguez.

Primeira División

Na Primeira División autonómica, hai que salientar a positiva campaña completada polo Universitario de Ourense, que rematou nun excelente segundo posto, únicamente por detrás do campeón e polo tanto ascendido á máxima categoría para 2018, o “Xadrez Galego – Tui”. Por outra parte cabe salientar a doble permanencia nesta exixente categoría dos dous primeiros conxuntos filiais do Ourense, o Xadrez Ourense “C” e o Xadrez Ourense “B”, que remataron 4º e 10º, respectivamente e que voltarán a ser equipos de 1ª división para a tempada 2018, convertindo á entidade ourensana no único club de Galicia con un conxunto na División de Honra e dous equipos na 1ª División autonómica.

Segunda División

A Segunda División galega deparounos moi agradables sorpresas para o xadrez provincial, o Club Xadrez Verín “A” proclamouse flamante campeón e polo tanto merecedor do ascenso á 1ª división autonómica, categoría na que no vindeiro curso militarán ata 4 escuadras ourensanas. Tamén cabe salientar que entre os 12 conxuntos que integraban a 2ª división (grupo sur-leste), serán únicamente os 3 equipos que non pertencen á nosa provincia, os que perdan a categoría e militen na 3ª División para 2018, consolidándose nesta división os outros nove conxuntos da nosa provincia.

Terceira División,

Xa en Terceira División, e tras a derradeira xornada, rubricáronse os ascensos do conxunto campeón de grupo, o Xadrez Verín “B”, e do xovencísimo conxunto do Xadrez Ourense “E”, que finalizaron 1º e 2º clasificados respectivamente, e que serán conxuntos de 2ª categoría para 2018. Cabe salienatar que a entidade verinense logra así o “doblete”, acadando o doble ascenso dos seus dous equipos nesta tempada 2017, (un a 1ª e outro a 2ª),   e confirmando o excelente momento que está a disfrutar o xadrez na comarca de Monterrei na actualidade.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: