Destacado Es noticia 

Trece equipos ourensáns no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia

Lete Lasa valora que “a cuestión de xénero é unha cuestión totalmente normalizada no deporte ourensán” xa que os equipos femininos pasan de 2 a 7 e que ao Plan tamén se acolle un equipo de ximnasia masculino

En total vense beneficiados nesta convocatoria de 2019, 191 equipos en toda Galicia, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel e mais polo director da zona Ourense Centro de ABANCA, Enrique Romero Reinoso, participou no medio día de hoxe na sinatura dos convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2019 da cidade de Ourense. A resolución definitiva do Plan publicada o pasado venres 14 de xuño, ascende neste ano 2019 ata os 3.332.219 euros, un 37% con respecto a 2018 cando se outorgaron 2.420.000 euros. Este importe total está confinanciado entre a Xunta de Galicia e ABANCA.

No acto que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia en Ourense, o secretario xeral destacou o aumento nun 160% dos equipos patrocinados na cidade polo Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia cun total de 13 equipos patrocinados: 6 masculinos e 7 femininos, cando en 2018 patrocináronse 5 (3 masculinos e 2 femininos). Deste xeito, o importe que reciben os equipos da cidade de Ourense ascende aos 242.518,59 euros, duplicando practicamente o consignado en 2018 (121.664,73 euros). Cómpre salientar que mentres que o número de equipos masculinos duplicouse, o número de equipos femininos cuadruplicouse, polo que Lete Lasa destacou a importancia dos equipos femininos da cidade de Ourense e valorou que “a cuestión de xénero é unha cuestión totalmente normalizada” apuntando que ao Plan de Patrocinio tamén se acolle un equipo de ximnasia masculino.

Os equipos patrocinados na cidade de Ourense son:

  • Club Orense Baloncesto S.A.D. (masculino)
  • Club Carmelitas Vedruna (baloncesto feminino)
  • Clube Ciclista Maceda (feminino)
  • Ourense Club de Fútbol S.A.D. (fútbol sala feminino de Primeira División)
  • Ourense Club de Fútbol S.A.D. (fútbol sala feminino de Segunda División)
  • Cidade de As Burgas Fútbol Sala (feminino)
  • Club Halterofilia Pabellón (feminino)
  • Club Halterofilia Pabellón (masculino)
  • Club Hockey Barrocás (masculino)
  • Club Fluvial O Barco (piragüismo masculino)
  • Campus Universitario Ourense Rugby (masculino)
  • Club Voleibol Ourense (feminino)
  • Club Ximnasia Pavillón Ourense (masculino).

Nas súas verbas o mandatario galego agradeceu o “esforzo e a aposta decidida polo deporte galego” que fai a ABANCA e que posibilita “todos estes datos que serían inalcanzables doutro xeito”. Coa súa aposta, “o maior banco de Galicia amosa ás entidades privadas que o patrocinio deportivo ten un retorno importantísimo que axuda a calquera empresa a medrar económica e socialmente” .

191 equipos en toda Galicia

En total vense beneficiados nesta convocatoria de 2019, 191 equipos en toda Galicia, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Destes 191 equipos que finalmente asinarán os convenios (foron invitados ao programa un total de 213), 100 son equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%.

Como novidades do Plan, cómpre destacar a simplificación administrativa que supón unha axilización nos pagos que pasan de tres a dous, así como a creación dun grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas con equipos en campionatos de España de máximo nivel (karate, loita, natación e ximnasia) e a ampliación dos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas (fútbol e baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino).

Desde que o Plan botou a andar na tempada 2009-2010 consignáronse a este aspecto preto de 24 millóns de euros.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.