Jesus Vazquez Marta Miguez Mario GuedeActividades Destacado 

Concello e Xunta investirán 2 millóns de euros na remodelación do Pavillón dos Remedios

O Concello e a Xunta de Galicia acordaron asumir esta importante remodelación, que virá a complementar as actividades previstas e en fase de programación para conmemorar os 50 anos de historia desta importante infraestrutura deportiva de Ourense

  • Deste xeito levarase a cabo a adaptación normativa en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana. Tamén se acometerá a reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes (actividades dirixidas, formación e lecer), e a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero
  • O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a cidade captou máis de 6,2 millóns de euros en investimentos, onde destaca a pista de atletismo, a remodelación dos campos de fútbol de Os Remedios e Oira, o anexo do Pavillón ou mesmo o próximo Skatepark cuxo proxecto xa está aprobado por parte do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes. “A gran transformación de Ourense que propiciamos desde o Goberno Municipal no eido das infraestruturas deportivas é unha realidade que é imparable e seguirá avanzando con novos e máis ambiciosos proxectos”

Jesus Vazquez Marta Miguez Mario Guede

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado polo concelleiro de Deportes, Mario Guede, mantiveron un encontro de traballo coa secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, no que trataron os diferentes proxectos deportivos comúns para a cidade. Entre eles, avanzaron na próxima remodelación integral do Complexo Polideportivo dos Remedios que contará cun orzamento de 2.050.000 euros.

Así, o Pavillón dos Remedios cumple este ano medio século cunha remodelación integral que contará cun investimento de máis de 2 millóns de euros. O Concello e a Xunta de Galicia acordaron asumir esta importante remodelación, que virá a complementar as actividades previstas e en fase de programación para conmemorar os 50 anos de historia desta importante infraestrutura deportiva de Ourense.

Este proxecto divídese en dúas fases, a redacción do proxecto básico e de execución (que contará cun orzamento de 50.000 euros) e a execución da obra de reforma segundo o recollido no proxecto (2.000.000 euros). Do total do orzamento, a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 1.050.000 euros e o Concello de Ourense os restantes 1.000.000 euros.

Segundo a xuntanza que tivo lugar na sede da Secretaría Xeral para o Deporte en Santiago de Compostela, o proxecto a acometer no Pavillón de Os Remedios será unha remodelación integral que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo.

Deste xeito levarase a cabo a adaptación normativa en materia de accesibilidade e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana. Tamén se acometerá a reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes (actividades dirixidas, formación e lecer), e a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero.

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa, dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores.

Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumprirá 50 anos.

“A gran transformación da cidade no eido das infraestruturas deportivas”

 O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, a cidade captou máis de 6,2 millóns de euros en investimentos, onde destaca a pista de atletismo, a remodelación dos campos de fútbol de Os Remedios e Oira, o anexo do Pavillón ou mesmo o próximo Skatepark cuxo proxecto xa está aprobado por parte do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes. “A gran transformación de Ourense que propiciamos desde o Goberno Municipal no eido das infraestruturas deportivas é unha realidade que é imparable e seguirá avanzando con novos e máis ambiciosos proxectos”, sinala o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A estas obras, engádense as da pista de atletismo cuberta (máis de 3 millóns de euros), os 150.000 euros previstos para o novo Skatepark de Os Remedios e, os máis de 2 millóns desta remodelación estética e funcional do Pavillón de Os Remedios. Así, só estas obras supoñen máis de 6,2 millóns de investimentos en infraestruturas deportivas da cidade a instancias do Goberno Municipal de Ourense.

Noticias relacionadas