Actividades Destacado Es noticia 

A Xunta propón o aprazamento ou a suspensión de toda a competición autonómica oficial

A XUNTA DISPÓN QUE TODA COMPETICIÓN DEPORTIVA OFICIAL AUTONÓMICA CELEBRADA NA COMUNIDADE SEXA DISPUTADA A PORTA PECHADA E NA MEDIDA DO POSIBLE SUSPENDIDA OU APRAZADA

  • O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comunicou as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia no eido deportivo a raíz da epidemia do novo coronavirus na reunión do Foro de Deporte Federado onde asistiron os representantes das federacións deportivas de Galicia
  • A competición do programa Xogade da Xunta de Galicia será suspendida
  • Estas medidas estarán en vigor nun período de 14 días desde a súa publicación

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu no serán de hoxe a sétima reunión do Foro de Deporte Federado ‘Optimizando sinerxías’ celebrado no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública. Alí, o mandatario galego comunicou as medidas adoptadas polo Goberno galego no ámbito deportivo, unhas medidas, amparadas, dixo, nos principios da “prevención, serenidade e responsabilidade”, subliñando que todo o tecido deportivo debe enviar unha mensaxe de unidade, apoiada sempre nos criterios das autoridades sanitarias competentes.

En detalle o secretario xeral enumerou as medidas tomadas pola Xunta de Galicia e a súa Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes, no ámbito deportivo. En primeiro lugar, “a suspensión da competición do Programa Xogade”. A campaña de actividade lúdico deportiva Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar), é unha iniciativa promovida e financiada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma.

En segundo lugar, “a celebración de toda a competición deportiva autonómica federada, como mínimo, a porta pechada”, unha medida que completou dicindo que “os organizadores poderán adoptar alternativamente o aprazamento ou a suspensión das competicións, unha decisión que aplaudimos desde a Xunta de Galicia”. No caso de gran afluencia de deportistas, deberase valorar cada caso particular.

O obxectivo primordial destas medidas, que terán unha vixencia de 14 días desde a súa aprobación no día de mañá e que serán acompañadas por outras complementarias, é minimizar os prexuízos e riscos de clubs, deportistas e espectadores.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: