Actividades Destacado Es noticia 

A X Festa Popular do Concello de Baltar propón xogos tradicionais nuha xornada sen alcohol

O evento terá lugar o vindeiro sábado, 4 de agosto. Programación X Festa Popular do Concello de Baltar.

Xogos tradicionais e xornada sen alcol, na X Festa Popular do Concello de Baltar

O Concello de Baltar recupera os xogos tradicionais na celebración da X edición da súa Festa Popular que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de agosto, cunha programación que inclúe, ademais de xogos, música, gastronomía, deporte, entre outras actividades. A presentación desta cita lúdica tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e a concelleira de Cultura de Baltar, José Antonio Feijóo e Gemma Rodríguez; e os organizadores, Verónica López e Alejandro Rodríguez.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que vén a sumarse «ás múltiples propostas que organiza o municipio de Baltar, que recentemente presentaba a cuarta edición de LaroucoFest, e que chega agora cunha actividade para conservar e potenciar as nosas tradicións», sinalou Rosendo Fernández. Nesta mesma liña, o alcalde explicou que esta celebración «baséase en fomentar a relación cos nosos irmáns portugueses; en potenciar as tradicións e en animar á xente a prol dunha vida saudable», destacando que ao longo do día «haberá convites de bebidas sen alcohol, e degustación de produtos gastronómicos da nosa terra».

Gemma Rodríguez dixo que con este tipo de iniciativas pretendemos «continuar a dinamizar o rural», e destacou a crecente afluencia de público á festa, afirmando que «o éxito de participación desta actividade anímanos a continuar con esta celebración, que tamén pretende fomentar o respecto polo medio ambiente».

Programación X Festa Popular do Concello de Baltar

Verónica López explicou a programación da xornada:

  • Comezará ás 16.00 horas coa celebración de xogos tradicionais: tute e brisca, damas e xadrez, chave e billarda, rá e futbolín, ping-pong e xogo da porca, vintos e carreira de sacos, e tiro á corda.
  • Así mesmo, ás 17.15 horas haberá animación especial con inchables e toro mecánico para os máis pequenos
  • A partir das 20.15 horas terá lugar unha exhibición de parapente e paramotor. Posteriormente, proxectarase un vídeo en defensa da natureza
  • Ás 21.30 horas tomará o protagonismo da xornada a gastronomía cunha merenda-cea con degustación de produtos da terra, amenizada polo grupo Xeitosiñas de Baltar, as Concertinas de Montalegre (Portugal), a Banda de Gaitas A Raia de Baltar, e polo Grupo de Acordeonistas Bieito de Ourense.
  • Finalmente, ás 22.30 horas terá lugar a sesión de noite co Trío Vaivén, e á medianoite realizarase unha proba voluntaria de alcoholemia na que se premiarán con camisetas co lema «Engánchate á vida sá» para todos aqueles que consigan un rexistro 0,0 na proba.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: