Campus Universitario Foto Nacho RegoActividades Destacado Es noticia 

A Universidade de Vigo celebra en Ourense a súa Gala do Deporte con protagonismo do deporte ourensán

XXVIII Gala do Deporte Universitario – Universidade de Vigo

A XXVIII Gala do Deporte Universitario xa ten palmarés de galardoadas e galardoados. Nesta edición, correspondente ao curso 2018/19, a Universidade de Vigo entregará 31 premios individuais e dez colectivos nunha cita que pretende distinguir o compromiso coa práctica deportiva e cos seus valores principalmente da comunidade universitaria pero tamén de persoas e entidades alleas a ela.

A cerimonia de entrega, que se celebra de xeito rotatorio cada ano nun campus da Universidade de Vigo, terá lugar o xoves 21 novembro, ás 19.30 h, no salón de actos do edificio Politécnico do campus de Ourense. Presentada pola actriz Iria Pinheiro, terá como madriña a Almudena Pazos, bombeira galardoa en competicións internacionais de policías e bombeiros e campioa galega de orientación. “A gala é importante para visibilizar e recoñecer unha parte importante da vida universitaria nos campus, como é o deporte e a actividade física, pero tamén o compromiso co deporte de membros da comunidade universitaria e axentes externos”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense.

Recoñecementos ao deporte de competición na universidade

Na gala, que contará coa actuación da compañía Pablo Méndez Performance, concederanse premios nun amplo abano de categorías. Os primeiros deles serán os recoñecementos ao deporte de competición na universidade, no que se entregarán galardóns individuais e colectivos polos éxitos acadados en competicións universitarias e federadas. Así, as medallas individuais polos resultados obtidos nos Campionatos de España Universitarios 2019 serán para Miryam García, Laura Vázquez e Alejandro Losada en taekwondo; para Beatriz Gómez en natación; para Leticia Fernández, Raquel Meaños e Sergio Paredes en atletismo; para Noelia Lalín, Nerea Pampín, Cristina Alves e Pablo García en loita; para Manuel Brea en bádminton; para Anxo Fernández e Brais Pereira en judo e para Xiana Pérez en esgrima. Por equipos, as medallas polos éxitos acadados nestes campionatos serán para os equipos de balonmán feminino, loitas olímpicas e vela.

Campus Universitario Foto Nacho Rego
Foto: Nacho Rego

Neste bloque tamén se entregarán diferentes recoñecementos especiais. Así, os taekwondistas Alejandro Losada e Iván García serán distinguidos individualmente pola súa participación na Universiada 2019. Os recoñecementos especiais por equipos son tres. O primeiro deles será para a Sección Baloncesto Universitario Campus Ourense, cuxa categoría sénior masculina foi campioa do grupo sur na primeira división autonómica, xogando a fase de ascenso a LEB prata, e cuxa sección feminina obtivo o segundo posto na primeira división autonómica. O segundo será para o Campus Universitario Ourense Rugby Club, cuxo primeiro equipo conseguiu o terceiro posto na división de honra B da Federación Española de Rugby, xogando o ascenso para a división de honra, e foi campión da Copa Xunta de Galicia.  A categoría feminina deste club logrou o segundo posto na liga rexional, xogando o ascenso para a división de honra. Tamén terá un recoñecemento especial o equipo Club Deportivo Tenis Dereito Empresariais, na categoría de maiores de 45 anos, por acadar o subcampionato da primeira división da Federación Galega de Tenis, conseguindo o ascenso á división de honra.

Os recoñecementos especiais individuais serán en baloncesto para as xogadoras do Universitario Campus Ourense xa retiradas Bárbara Lamelo, Cristina López e Sara Vázquez; para Juan Carlos Rodríguez Cantón Juanki, ex-xogador e ex-presidente do Campus Universitario Ourense Rugby Club, e para Rubén Fernández, medalla de bronce no mundial universitario de xadrez. Por último, neste primeiro bloque tamén se renderá unha homenaxe especial ás rutas culturais da Universidade de Vigo, con motivo da celebración este ano 2019 do seu 20 aniversario. Participantes na primeira das andainas, que tivo lugar en 1999, subirán ao escenario a recoller un agasallo.

Mencións especiais, premios á cidadanía e galardóns á excelencia

O segundo bloque, dedicado a mencións especiais, arrancará co galardón a persoas vencelladas á Universidade de Vigo, sendo recoñecidos o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo José Ángel Vázquez Barquero, pola súa vinculación en xeral co deporte e de xeito específico co rugby universitario, e a egresada Zulema González, árbitro internacional de fútbol. O galardón á entidade colaboradora recaerá nesta edición na Policía Local do Concello de Ourense, pola súa implicación na organización de eventos deportivos, e a distinción ao deportista do ano será para a estudante universitaria e nadadora olímpica Beatriz Gómez. Por último, o premio aos valores universitarios coñecerase na propia cerimonia do día 21.

A gala tamén inclúe a entrega de galardóns de recoñecemento á cidadanía. Así, o VIII Premio Vida, á traxectoria persoal e deportiva, será para José García Calvo Willy, coordinador e “alma máter” dos roteiros culturais da Universidade de Vigo desde o seu nacemento en 1999 e unha figura destaca no desenvolvemento da cultura de andainas en Galicia. O V Premio ao Fomento da Iniciación Deportiva recaerá na Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, pola súa prolífica contribución á divulgación de modalidades deportivas minoritarias, como o fútbol gaélico. Por último neste bloque, o VIII Premio Valor Solidario será para a Andaina Solidaria Concello de Cenlle, que este ano cumpriu a súa décima edición. A cerimonia rematará coa entrega dos XI Premios á Excelencia Académica e Deportiva, dotados con 500 euros cada un e que nesta ocasión distiguirán a catro alumnas.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.