Actividades Destacado Es noticia No solo deporte 

A Deputación de Ourense fixo entrega das axudas a deportistas ourensáns de disciplinas individuais

Axudas da Deputacion Ourense a deportistas ourensáns

O recoñecemento a un técnico deportivo ourensán recaeu nesta edición no iniciador da Halterofilia en Ourense, Ramón Díaz Zapateira, pertencente ao Club Halterofilia Pabellón.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entregou esta tarde no Salón de Plenos do Pazo Provincial, as axudas a 44 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais correspondentes ao exercicio 2017. 

A Deputación de Ourense pretende, con esta iniciativa que leva a desenvolver desde hai 30 anos, “premiar economicamente a estes deportistas ourensáns de disciplinas individuais e recoñecer publicamente o esforzo e o traballo que realizan nestes deportes en Ourense”, asegurou Rosendo Fernández. 

Ademais da entrega das bolsas, realizouse o xa tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta ocasión recaeu no iniciador da Halterofilia en Ourense, Ramón Díaz Zapateira (Zapa), pertencente ao Club Halterofilia Pabellón, quen, continúa a traballar co mesmo entusiasmo e dedicación por esta disciplina deportiva individual en Ourense. Con este recoñecemento, o goberno provincial quere “poñer en valor o labor que realizan os técnicos e a influencia que exercen co seu traballo sobre a mellora na formación e rendemento dos deportistas ourensáns”, sinalou o vicepresidente do ente provincial. 

As axudas concedidas, correspondentes ao exercicio 2017, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse cinco axudas de 1.450 euros cada unha; no segundo grupo tamén están catro deportistas, cunha axuda de 850 euros para cada un deles; no terceiro grupo inclúense sete axudas de importe 610 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 28 deportistas cunha axuda económica de 360 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destina 25.000 euros en 44 bolsas para deportistas ourensáns procedentes de preto de 20 disciplinas deportivas diferentes.

Noticias relacionadas