Ciclismo Destacado Es noticia 

A Veiga organiza a “BTT Trevinca”, proba de ciclismo de montaña

“BTT Trevinca”, ruta de ciclismo de montaña da Veiga

A primeira ruta de ciclismo de montaña da Veiga, “BTT Trevinca”, dará a coñecer aos participantes a comarca e as súas paisaxes durante os 32 quilómetros de percorrido dos que consta esta proba que se celebrará o día 26 de novembro. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente do Club Deportivo Tres Lunas, David Álvarez Núñez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que o desenvolvemento deste tipo de iniciativas deportivas “non só fomentan a práctica do deporte e a vida saudable, senón que supoñen un pulo para a dinamización do territorio, dando a coñecer as potencialidades paisaxísticas e naturais que ofrece esta zona ourensá”.

A ruta, de tipo circular, ten a saída e a chegada en A Veiga, pero tamén pasará polas localidades de Casdenodres, Castromarigo, Candeda, Prada e Santa Cristina. A saída da proba será ás 10.00 horas, e a entrega de dorsais efectuarase unha hora antes.

Pola súa parte, David Álvarez agradeceu que o Club Deportivo Tres Lunas, con sede en Valdeorras, poida organizar esta proba que supón unha oportunidade para dar a coñecer “o espectacular territorio que ofrece esta zona”. Os interesados en participar poderán anotarse, por un custe de 10 euros, a través da páxina web trevincabtt.galitiming.com, ata o mércores, 22 de novembro.

“Trátase dunha proba para tódolos niveis e as inscricións están preto dos 200 participantes”, sinalou David Álvarez, quen se congratulou pola “alta participación feminina”. Nese mesmo senso, o alcalde da Veiga asegurou que esta iniciativa está a ser “un éxito de participación e de repercusión, porque unha competición así é unha ferramenta idónea para dar a coñecer o noso territorio”. Asemade, Juan Anta lembrou que para continuar nesa aposta conxunta do deporte vencellado ao turismo, agasallarán aos participantes “cun bono de 4 euros para consumir en tódolos nosos restaurantes e bares”.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario