Ciclismo Destacado Es noticia 

O sábado celebrarase o XI Ciclocross «Castelo de Maceda» e o domingo, o I Gran Premio CX «Estacións Vivas»

Maceda e Baños de Molgas, protagonistas esta fin de semana do mellor ciclocross galego

 Copa Galicia de Ciclocross rematará en Ourense este fin de semana coa celebración de dúas probas que forman parte desta competición e que se disputarán o vindeiro sábado, 22 de decembro, en Maceda, e ao día seguinte, en Baños de Molgas. A presentación destes eventos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; os alcaldes de Maceda e Baños de Molgas, Rubén Quintas e Xaime Iglesias; o director técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande; o coordinador de Deportes da Secretaría xeral para o Deporte da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure; o presidente do Club Ciclista Maceda, Cesáreo Borrajo; e o coordinador do equipo Club Ciclista Maceda, Antonio Saa.

Rosendo Fernández destacou «a completa e variada programación deportiva que ofrecen os municipios da nosa provincia, albergando probas de diferentes disciplinas deportivas a través das cales se contribúe a dinamizar os territorios e a poñer en valor o noso rural», e Guillermo Sando remarcou «a experiencia de Maceda neste ámbito deportivo» e o feito de que Baños de Molgas «estrearase este ano cunha proba que vai a pechar a Copa Galicia de Ciclocross do 2018», salientando que entre as dúas probas «daranse cita máis de 700 corredores durante as dúas xornadas deportivas».

O sábado, 22 de decembro, celebrarase a proba XI Ciclocross Castelo de Maceda, a partir das 14.30 horas, «o que contribúe a consolidar unha iniciativa que comezou hai décadas por un grupo de persoas da nosa vila de apostar por un deporte que sitúa a Maceda como un referente do ciclismo a nivel internacional, incluso», afirmou Rubén Quintás, quen tamén agradeceu o traballo que desenvolve a Escola de Ciclismo Hermida a prol do deporte base, «o que supón un importante labor social para os máis cativos porque o deporte é fundamental para formarnos na vida».

Ao día seguinte,o domingo, 23 de decembro, a competición trasladarase a Baños de Molgas coa celebración do I Gran Premio CX «Estacións Vivas», que comezará a partir das 9.30 horas. Xaime Iglesias destacou o labor que desempeña a Fundación ADO Moure, organizadora desta proba, a prol do ciclismo. Así mesmo, Xaime Iglesias dixo que tanto Maceda como Baños de Molgas «están nunha zona privilexiada para acoller este deporte e para gozar da natureza, a través dunha disciplina deportiva que comparte o respecto polo medio ambiente».

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: