Campionato de Galicia de ciclocross - Foto Federación Galega de CiclismoCiclismo Destacado Es noticia 

Iván Feijoo coroase campión de Galicia de ciclocross en Santiago

O campionato completouse con dous títulos máis do C.C. Maceda

Campionato de Galicia de ciclocross

O ciclocross galego puxo o broche de ouro a súa temporada cunha xornada que se recordará polas adversas condicións atmosféricas. Con alerta laranxa por chuvia e vento o circuíto santiagués do Estadio de San Lázaro acolleu o Campionato de Galicia na mañá do último día do ano. Os sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e Irene Trabazo (Marín Ottoman) ratificaron a súa condición de grandes dominadores autonómicos desta modalidade sobre o enlamado trazado deseñado polo Clube Ciclista Compostelano – Muebles Compostela.

A proba máis agardada do calendario resultou épica. A chuvia caeu con gran intensidade durante as primeiras carreiras e cando comezou a remitir fixo acto de presenza outro tipo de ‘cicloxénese’ na capital de Galicia. Iván Feijoo arrasou na competición raíña masculina e subiu ao máis alto do podio no seu primeiro ano na categoría Elite e Sub23. A súa potencia atopou na dureza dun circuíto cheo de barro o escenario ideal para non dar opción aos seus rivais.

O alaricano do Maceda marchouse en solitario na segunda volta e proclamouse campión tras 58 minutos e 52 segundos de exhibición. A 1:38 chegou o segundo clasificado, o tamén sub23 Samuel González (Salvaterra). Coa terceira posición e co título elite fíxose Adrián Valverde. O baionés do Club Ciclista Rías Baixas entrou a 3:11 do gañador e no podio estivo escoltado por Óscar Vázquez (OVCBikes) e Luis Fernández (Avanza), cuarto e quinto respectivamente na táboa absoluta. Sexto rematou o elite Martín Lestido (Supermercados Froiz) e sétimo Pablo Álvarez (Cambre Renault Caeiro), que foi o terceiro mellor sub23.

Tamén se cumpriron os prognósticos na carreira estrela feminina. Irene Trabazo triunfou con absoluta solvencia. A sub23 do Marín Ottoman aventaxou en 3:38 á elite Lucía Vázquez (ProRebordosa) e a terceira praza correspondeulle á gañadora junior Andrea García (Cambre Renault Caeiro).

Dous títulos máis do Maceda

A outra triunfadora feminina en Santiago foi Aida González. A cadete do Academia Postal – Actyon – MMR superou a súa compañeira de equipo e defensora do título Noela Saa. As dúas corredoras do Maceda estiveron acompañadas no podio por Laura Capa (Farto).

A estructura ourensá sumou o seu terceiro ouro nos juniors. O limiao Carlos Canal dobregou a Adrián Barros (Coruxo) nun apaixoante duelo que se decantou por 32” de diferencia. Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión) concluíu terceiro.

Campionato de Galicia de ciclocross - Foto Federación Galega de Ciclismo

Este campionato pechou unha temporada para a lembranza no ciclocross galego con catorce probas e unha media de participación de 250 corredores. A seguinte cita para os especialistas nesta modalidade será na segunda fin de semana de xaneiro o Campionato de España na localidade guipuscoana de Legazpi.

Noticia e foto: Federación Galega de Ciclismo

Noticias relacionadas