Deputacion Provincial Vuelta Ciclista a EspañaCiclismo Es noticia 

A Deputación Provincial decidida a que “La Vuelta 2018” pase de novo por Ourense

O Presidente da Deputación, Manuel Baltar, anunciou que a provincia podería acoller algunha etapa da proba ciclista no 2018.

Ourense, candidata a ser novamente protagonista da “Vuelta”, na edición de 2018

A provincia de Ourense é candidata a ser novamente protagonista de “La Vuelta”, unha das probas ciclistas máis importantes do mundo xunto co Giro de Italia e o Tour de Francia. Así o afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen anunciou que se está en negociacións para que a provincia de Ourense poida acoller algunha etapa da “Vuelta” 2018 en territorio ourensán. Baltar avanzou esta nova na presentación que tivo lugar para avaliar as accións promocionais da provincia de Ourense levadas a cabo polo Inorde na “Vuelta” 2017, acto celebrado no stand “Ourense a provincia termal”, na feira Termatalia, en Expourense, e no que estivo acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

O presidente do goberno provincial destacou o protagonismo da provincia de Ourense na edición deste ano de “La Vuelta”, “con presenza no “Parque Vuelta”, unha infraestrutura que visitan máis de 100.000 persoas e que supón un dos emprazamentos máis importante para “vender” destino turístico”. Baltar lembrou que esta alianza entre a Deputación e unha marca tan importante como “La Vuelta” “comezou cunha etapa que rematou en Nogueira de Ramuín, e o ano pasado coa 71ª edición de “La Vuelta”, denominada “Ourense Termal-Madrid”, con catro etapas na nosa provincia, coa presentación de equipos e sendo, sen dúbida, a provincia con maior presenza e protagonismo de todas as edicións celebradas desta proba ciclista”, expresou Manuel Baltar.

Este ano volveu destacar o peso da provincia de Ourense en “La Vuelta” con milleiros de persoas que se achegaron ao stand do Inorde, no que se promocionou a riqueza termal e turística da provincia de Ourense, coa posibilidade de facerse fotos ao carón das paisaxes e monumentos máis emblemáticos do territorio ourensán, de participar en sorteos termais, “en definitiva, un éxito de convocatoria e resposta do público –cualifica Manuel Baltar-, cumprindo as expectativas que tiñamos desde o principio”.

O presidente da Deputación considera que a colaboración entre “La Vuelta” e a provincia de Ourense “é unha alianza importante, xa que Ourense é un territorio magnífico como escenario de competicións deportivas de primeiro nivel; xa amosamos o noso potencial organizativa no pasado con esas catro etapas, e temos capacidade suficiente para encarar o futuro aliados e cooperando con esta proba ciclista, conxuntamente estas dúas marcas: “La Vuelta” e “Ourense”.

A provincia de Ourense estivo presente nas 21 etapas dentro da caravana da Vuelta 2017, cun vehículo e un stand no que se ofreceron actividades promocionais da nosa provincia, baseadas no termalismo, a natureza, a cultura o patrimonio, a etnografía e as tradicións.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

A %d blogueros les gusta esto: