Ciclismo 

Aser Estévez e María José Gómez campións galegos de contrarreloxo en Baños de Molgas

Foto: Fotocarlosgrafias

Trece títulos autonómicos na modalidade de contrarreloxo individual (CRI) en estrada puxéronse en xogo este mércores na localidade ourensá de Baños de Molgas

Aser Estévez e María José Gómez proclamáronse campións galegos elite de contrarreloxo en Baños de Molgas

Trece títulos autonómicos na modalidade de contrarreloxo individual (CRI) en estrada puxéronse en xogo este mércores na localidade ourensá de Baños de Molgas. María José Gómez (Cambre-Caeiro) superou por unha décima a María Jesús Barros (Spol) na proba raíña feminina, mentres que nos elites masculinos Aser Estévez non deu opcións aos seus rivais para lograr a súa décima coroa galega nesta especialidade. O ciclista do Cortizo – Anova revalidou a vitoria lograda o ano pasado neste mesmo municipio.

Os outros catro corredores que defenderon con éxito os seus maillots de campións de Galicia foron: Carlos Canal (Academia Postal – Actyon) e Carla Fernández (Marín – Ottoman) en cadetes, Martín Bouzas (Supermercados Froiz) nos sub23, e Javier de la Fuente (Norinver) nos masters-50. No resto de categorías hai novos dominadores autonómicos: Guillermo García (Bathco) e Andrea Tomé (Cidade de Lugo – Esturión) en juniors, Paula Sanmartín (Bioracer) nas sub23, Rubén Fernández (Norinver) nos masters-30, Isabel Picoaga (7Voltas) nas mulleres masters, Jose Carlos Abella (Betanzos) nos masters-40 e Valeriano Carrera (De La Fuente) nos masters-60.

A Fundación ADO Moure Pro-Deporte, o Club Ciclista Ourensano e a Federación Galega de Ciclismo organizaron unha cita que reuniu a 280 participantes. O percorrido polas estradas de Baños de Molgas era diferente ao do 2016. Tratábase dun trazado de 11,4 quilómetros en constante ascensión.

Nese esixente escenario Aser Estévez amosouse intratable. Detendo o cronómetro en 17 minutos e 11 segundos,  o corredor de A Guarda aventaxou en 38 segundos ao elite cántabro Diego Tirilonte (Club Ciclista Rías Baixas) e en 43” ao vencedor sub-23 Martín Bouzas.

“Había que ir a tope dende o principio, sen cometer un so erro, e estaba claro que se ía decidir na última subida. Regulei moi ben e gardei un punto de forza para o final. Estou moi satisfeito e é unha vitoria moi merecida despois do accidente que tiven adestrando”, apuntou o ciclista do Cortizo- Anova, que no podio elite estivo acompañado polo seu compañeiro de equipo Samuel Rodríguez, segundo clasificado, e por Rodrigo Enríquez (Club Ciclista Rías Baixas), terceiro. Nos sub23 dous corredores do Club Ciclista Rías Baixas escoltaron a Bouzas, Diego González e Raúl González, segundo e terceiro respectivamente.

A diferencia entre as dúas primeiras na competición elite feminina foi ínfima. María José Gómez firmou un rexistro de 22:17:13 e María Jesús Barros de 22:17:24. A representante do Cambre – Caeiro conseguiu deste xeito o seu primeiro título elite: “Foi moi axustado e faime moitísima ilusión. Viña a pola vitoria e a semana pasada achegueime ata aquí para coñecer o percorrido. Era moi duro e bastante técnico”. A terceira praza ocupouna Lucía Vázquez (Prorebordosa). Pola súa banda nas sub23, Sanmartín impúxose a Lorena Sanín (Cidade de Lugo – Esturión) e o bronce correspondeulle a Claudia Portela (Escola de Ciclismo Redondela).

Na cerimonia de entrega de medallas e maillots estiveron presentes Manuel Pérez, da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; José Manuel Rodríguez, xerente de Inorde; Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Carlos Moure, presidente da Fundación ADO Moure Pro-Deporte e do Club Ciclista Ourensano; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. A próxima cita do calendario de estrada en Galicia será a Volta á Provincia da Coruña Elite e Sub23 que arranca este venres.

Noticias relacionadas