Ciclismo Destacado Es noticia 

A X Marcha BTT de Monterrei ofrece tres percorridos aos seus participantes

X edición da Marcha BTT de Monterrei

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo, 2 de setembro.

A X edición da Marcha BTT de Monterrei ofrecerá aos participantes, o vindeiro domingo, 2 de setembro, tres posibles percorridos: unha ruta longa de 62 quilómetros de dificultade media-alta, unha ruta curta de 36 quilómetros de dificultade media, e un paseo de 18 quilómetros de dificultade baixa pensado para que os máis cativos, acompañados polos seus pais, se inicien no deporte da bicicleta de montaña. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez; o responsable de Cultura e Deporte do Concello de Monterrei, Marcos Meno; e o presidente do Club BTT Verín, Quico Calviño.

A Deputación de Ourense colabora con esta proba deportiva que ten como obxectivo “fomentar o deporte de bicicleta, concienciar a poboación da importancia que ten o deporte na saúde, potenciar o coñecemento da natureza e a súa conservación, así como contribuír a dinamizar o municipio e a comarca”, explicou Rosendo Fernández, quen engadiu que se trata “dunha Marcha dez para unha décima edición”.

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei dixo que esta proba é “unha das actividades deportivas estrela da nosa programación que pon en valor as nosas potencialidades turísticas e tamén mostra o noso motor económico ao pasar as rutas por adegas e viñas do noso municipio”.

As rutas da marcha, que non ten carácter competitivo, discorren por pistas veciñais e camiños rurais de diferentes localidades do municipio. En canto aos percorridos, o presidente do Club BTT Verín explicou que o deseño das rutas responde a dous criterios: “mostrar o entorno paisaxístico e patrimonial do municipio e facelas accesibles a todo o mundo”. A saída da proba terá lugar ás 9.30 horas e rematará na Alameda de Albarellos coa degustación dun xantar para os participantes previamente inscritos na marcha.

Entre as novidades desta edición -salientou Marcos Meno- está o cambio da data da celebración da proba que pasa de celebrarse no mes de xuño a setembro para evitar as altas temperaturas e a masificación de eventos nese mes. Así mesmo, por primeira vez,  “implantamos o sistema de cronometraxe con chip”, sinalou o responsable de Cultura e Deporte do Concello de Monterrei.

Na pasada edición participaron “130 persoas, cifra que esperamos manter este ano”, sinalou Marcos Meno. Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.bttverin.com, ou a través do teléfono 988418002.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: