Balonmano Destacado Es noticia 

Verónica de Cristofaro de Bm Pabellón xogará a final do campionato de España

A selección galega cadete feminina acadou hoxe domingo a clasificación para a final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, despois de derrotar a Madrid nun gran partido. A final celebrarase mañá (10:45 horas) contra Cataluña. Pola súa banda, a selección cadete masculina loitará mañá polo bronce contra Euskadi (09:00 horas).

En liñas xerais a de hoxe foi unha boa xornada para Galicia con catro triunfos e dúas derrotas. As seleccións infantil feminina, infantil masculina e xuvenil feminina tentarán acadar a quinta posición, mentres que a xuvenil masculina disputará a sétima posición.

Semifinais Campionato de España cadete feminino.

Madrid 24 – Galicia 31

A selección galega cadete feminina, que partía da Copa de España, logrou meterse na final do Campionato de España tras superar de forma contundente a Madrid na semifinal.

Foi unha nova exhibición das rapazas de Abel González e Ana Costas, que volveron a estar espléndidas. E iso que os nervios foron evidentes nos primeiros minutos do choque, o que as levou a estar por detrás no marcador. Desta forma, no minuto 15 ían tres goles abaixo (5-2). Pero pouco a pouco as nosas foron amosando as súas armas e igualáronse moitísimo as forzas, con distancias mínimas no marcador. O primeiro empate chegou no minuto 28 (11-11), e no descanso mandaba Madrid por un gol (12-11).

Pero na segunda parte, as galaicas brillaron con luz propia. Cunha gran porcentaxe de acerto na portería e unha enorme efectividade en ataque o triunfo foi incontestable. Madrid non tivo a máis mínima posibilidade nesta segunda metade case perfecta das nosas xogadoras, que confirmaron así a súa clasificación para a final do Campionato de España. Fantástico o traballo de Marian Mera en portería con 14 paradas e a efectividade en ataque de Sara Román e Marta Dasilva.

Galicia, 31: Marian Mera, Alba Afonso, Anastasija Doder (1), Verónica de Cristófaro (1), María Currás (2), Sabela Miniño (5), Carla Baltasar (1), Ithaisa Trigo (4), Area Martínez, Marta da Silva (4), Antía Estévez, Sara Román (7), Laura Magdaleno (4), Yaiza Alonso (1), Lorena Vaello e Helena Sánchez (1).

Mañá, luns 7, Galicia enfrontarase a Cataluña na final ás 10:45 horas

Loita do 5º ao 8º posto – Campionato de España xuvenil feminino.

Galicia 33 – Andalucía 29

Era un día moi complicado para as nosas galaicas despois da desilusión de caer derrotadas onte nos cuartos, pero a pesar diso as nosas rapazas tiraron de orgullo para superar con claridade a Andalucía e loitar así pola quinta posición.

Costoulle un pouco a Galicia entrar no partido e foi por detrás no marcador nos primeiros dez minutos do choque (5-8, min. 11), pero a partir de aí foron axustando o traballo defensivo e con rápidos contraataques acadaron o empate (8-8, min. 13). Con táboas no marcador chegou o acougo ás nosas deportivas, que comezaron a amosar o seu verdadeiro potencial e pouco a pouco foron abrindo distancias no marcador. Ao descanso, 17-12 para Galicia.

Na segunda metade, o equipo dirixido por Miguel Sánchez e Laura Rúa mantivo a liña de traballo, pero Andalucía logrou achegarse no marcador ata poñerse a un só gol (25-24, min. 27). Galicia non perdeu a calma e seguiu xogando con moita cabeza e coma un equipo. Así, lograron aumentar as distancias para lograr unha cómoda distancia e unha vitoria que as leva a xogar mañá pola quinta posición.

Galicia, 33: Uxía Ferreiro, Andrea Fernández (3), Sandra Blanco, Patricia Mallo, Adriana Mallo (3), Aitana Santomé (5), Silvia Leiras (1), Sarai Espiñeira (11), Sandra Sánchez (2), Estela López (1), Lidia Portela, Ángela Rodríguez (2), Carme Castro (2), Claudia Kaulback (3), e Marta Martínez.

Galicia buscará a quinta posición fronte a Madrid (12:30 horas)

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.