Megaxove 2014 pecha con máis de 10.000 visitas

Familias de toda Galicia participaron activamente nas máis de 100 opcións que ofrecía un salón no que destacou o traballo de asociacións de voluntarios como Amencer ou Cruz Vermella

Torneo de Halterofia Megaxove 2014 (Foto: Nacho Rego)
Torneo de Halterofia Megaxove 2014 (Foto: Nacho Rego)

Logo de catro días de intensa actividade, Megaxove pecha esta tarde as portas da súa 15ª edición convertida no lugar elixido por máis de 10.000 visitas para gozar da ponte festiva. Familias de toda a comunidade e do norte de Portugal achegáronse estes catro días ata Expourense para participar activamente nas máis de 100 opcións deportivas, culturais e de lecer que ofrecían no Salón da Xuventude os 37 expositores aos que a organización quere agradecer o seu traballo destes días, sobre todo a aqueles que serviron de escaparate para reflectir o traballo que o voluntariado realiza durante todo o ano.

O Salón da Xuventude ofreceu a posibilidade de practicar actividades xa coñecidas polos visitantes, pero serviu tamén de plataforma de promoción e descubrimento doutras actividades vencelladas ó tempo libre, á cultura e ás disciplinas deportivas minoritarias. Nesta cita tiveron cabida todo aquelo que anime á participación activa e á adopción de hábitos saudables. Cada rapaz e rapaza puido escoller libremente en qué quería investir o seu tempo de lecer: dende xogos populares e tradicionais ata a zona de videoxogos, ou dende deportes maioritarios como o fútbol sala ata outros menos coñecidos como a halterofilia, a esgrima ou a loita olímpica.

O futbolín humano e a área da Concellería de Xuventude foron os espazos máis visitados polos máis novos e as súas familias. Os inchables, os scalextric e os videoxogos, con torneos de FIFA, incluídos foron os preferidos de moitos nenos e non tan nenos, xa que actividades como os simuladores de condución chamaron a atención de moitos adultos. Houbo tamén espazo para a solidariedade a través de campañas como a “Operación Quilo” de Amencer ou a de “Axúdenos a Axudalos” promovida polo Garda Civil Óscar Castillo, e tamén a través de exposición como “Educación, Deporte e Valores” promovida pola Secretaria Xeral para o Deporte e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Contou coa participación de deportistas de primeiro nivel como Sergio Vallejo (rallye), Felipe Iglesias (judo), xogadores do C.O.B. ou Alberto Díaz (halterofilia)

O deporte foi coma sempre un dos grandes protagonistas de Megaxove, que continuou promocionando as disciplinas minoritarias para contribuír á difusión destas alternativas de seguimento menos masivo como poden ser o judo, o karate, o kickboxing, ou a esgrima. Expourense foi o lugar elixido por numerosas asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando exhibicións e torneos que xa contan cunha longa traxectoria como, por exemplo o VIII Torneo de Halterofilia, que convocou a deportistas de toda Galicia e de Castela León e que contou coa participación do 4º clasificado do Campionato de Europa, Alberto Díaz, de máis de 10 campións de España en distintas categorías e con algún dos mellores adestradores de halterofilia do Mundo.

Ademais, Megaxove contou coa participación de Sergio Vallejo, campión de España de Rallyes, de Felipe Iglesias, bronce no Campionato de Europa de Judo, ou do propio José Gago, sexto Dan de Wushu pola Federación Chinesa de Wushu e varios dos xogadores do Clube Ourense Baloncesto, COB; que estiveron hoxe asinando autógrafos.

Entre as asociacións participantes destacou un ano máis a Fundación Cipri Gomes, esta Fundación, que colaborou por quinto ano consecutivo en Megaxove, e que convocou a centos de nenos e adultos das 20 escolas deportivas coas que conta nas catro provincias galegas e tamén de Portugal.

O Salón da Xuventude serviu tamén de plataforma de promoción doutras actividades vencelladas ao lecer e á cultura, por exemplo a Escola Provincial de Danza Castro Floxo que fixo unha exhibición de baile, e a Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos quen impartiu  como en anos anteriores o Curso de Baile Tradicional.

Remata así o calendario feiral de Expourense para o ano 2014. A vindeira cita será os días 10 e 11 de febreiro de 2015 coa celebración da 10ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral.

Noticias relacionadas

A %d blogueros les gusta esto: