Atletismo Es noticia 

Presentado o II «Trail Ribeira Sacra»

A proba deportiva, que se disputa o 1 de outubro, percorrerá lugares emblemáticos de Nogueira de Ramuín como o Miradoiro de Moura, o Mosteiro de Santo Estevo ou o Castro de Moura.

II «Trail Ribeira Sacra»: 50 quilómetros entre deporte, historia e natureza

Os afeccionados ao deporte e a montaña teñen unha cita ineludible o día 1 de outubro na segunda edición do «Trail Ribeira Sacra», un evento deportivo que ofrece aos participantes dous posibles traxectos: un mini-trail de 24 quilómetros e un trail cun percorrido de 50 quilómetros. A presentación desta proba deportiva tivo lugar hoxe no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente; o presidente do Club Grupo Cuevas, Diego Novelle; e o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste.

Rosendo Fernández dixo que esta proba aglutina «deporte, historia e natureza en estado puro e transcorre por unha das contornas de maior beleza de Galicia, a Ribeira Sacra, candidata a ser Patrimonio da Humanidade». Ademais, o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos deportivos que contribúen a «dinamizar o territorio e os recursos da nosa provincia, neste caso, do Concello de Nogueira de Ramuín».

O presidente do Club Grupo Cuevas sinalou que o trazado nesta edición «percorrerá os lugares máis emblemáticos de Nogueira de Ramuín, como o Miradoiro de Moura e o Mosteiro de Santo Estevo, e como novidade o Castro de Moura. Tamén incorporamos algún descenso técnico, que fará ledicia dos deportistas máis valentes». Esta iniciativa deportiva ten como obxectivo «consolidar o Trail Ribeira Sacra como unha cita deportiva a nivel nacional e, partindo deste punto, dar un impulso ao turismo de saúde e benestar, mostrando a nosa rexión a un maior número de visitantes», explicou Diego Novelle.

A primeira edición do Trail Ribeira Sacra reuniu a 300 corredores e 50 acompañantes, procedentes de 12 provincias españolas e tres rexións portuguesas. Os interesados en participar na segunda edición desta proba poderán inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com, ata o día 20 de setembro.

A proba será cronometrada e competitiva, quedando rexistrados os tempos de paso dos participantes nas dúas probas. En canto aos trofeos haberá «para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e feminina das dúas distancias. De modo especial ao corredor máis lonxevo e ao club con máis participantes», explicou Diego Novelle.

O director xeral do Grupo Cuevas dixo que «ao longo dos 150 anos da empresa, defendemos sempre que o que realmente nos importa é o noso entorno, o cal demostramos implicando a nosa empresa na sociedade, buscando os piares que fortalecen a nosa convivencia e potenciando a innovación e o esforzo». Pola súa parte, o alcalde de Nogueira de Ramuín animou a asistir a este evento e a coñecer «as fermosas paraxes que ofrece o noso municipio», e destacou a importancia da «cooperación público e privada para poder desenvolver este tipo de iniciativas».

Noticias relacionadas