2019 Correndo por OurenseAtletismo Destacado Es noticia 

Presentado el IX Circuíto Correndo por Ourense

O IX Circuíto Correndo por Ourense convida á veciñanza a correr polos barrios da cidade, a partir do 5 de maio en seis  carreiras de maio a outubro

  • O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, resalta a oportunidade desta proba para que a cidadanía “teña novas oportunidades de practicar actividade física de xeito regular e adquiran un hábito que os achegue a unha vida máis saudable”
  • Trátase dunha serie de probas organizadas polo Consello Municipal de Deportes en colaboración co Colexio Divino Maestro, co Club Esprintes Ourense, coa Delegación Ourensana de Atletismo, co Club Deportivo Aurum, co Club Ourense Atletismo e coa Asociación de Veciños Carlasca
  • Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web [www.deportesourense.com]. O prazo de inscrición está aberto até o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba

IX Circuíto Correndo por Ourense

Seis carreiras populares que percorren outros tantos barrios da cidade, para atletas de todas as idades e niveis competitivos. Esta é a proposta do circuíto Correndo por Ourense, que organiza o Consello Municipal de Deportes do Concello, co reto de contribuír a que a veciñanza “teña novas oportunidades de practicar actividade física de xeito regular, adquiran un verdadeiro hábito que os achegue a unha vida máis saudable, e de paso se preparen para a gran cita do mes de novembro, a Popular de San Martiño”, segundo sinalou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Esta mañá presentouse no salón de plenos do Concello esta novena edición, que comezará no mes de maio, cunha dobre cita: nos barrios do Vinteún (día 5) e do Couto (día 25, proba nocturna). Continuará o 30 de xuño, polo centro da cidade; o 8 de setembro, na zona universitaria; o 29 de setembro, na Ponte; e rematará o domingo 20 de outubro, na Carballeira.

“A cidade debe ser un xigantesco espazo de convivencia e lecer para os seus veciños e as súas veciñas. E un dos seus mellores exemplos é Correndo por Ourense”, asegurou o rexedor sobre un evento no que “participan persoas de todas as idades; corredores desde os niveis máis competitivos ata os máis modestos, que fan deporte por saúde ou por simple lecer; e unha cada vez máis ampla e fiel afección de ourensáns e ourensás que tamén acoden á carreira  como público”.

2019 Correndo por Ourense

Pola súa banda, a directora do evento, Marta Míguez, salientou que “trátase dun circuíto que cada vez conta con máis participantes e cunha maior presenza feminina. Así, dos 1.500 participantes do pasado ano, preto dun 35% foron mulleres”.

Para anotarse só hai que seguir as instrucións do espazo web [www.deportesourense.com]. O prazo de inscrición está aberto até o mércores anterior a cada carreira, volvéndose abrir o luns seguinte a cada proba. Ten un custe de 7€ (para as 6 carreiras) para as categorías sub18, sub23, sénior e máster. Para as demais categorías será gratuíta.

A inscrición e o dorsal son únicos para todo o Circuíto. Por tanto, as persoas   inscritas nalgunha carreira do Circuíto quedan automaticamente inscritas para todas as probas restantes e deben conservar o dorsal en boas condicións. É obrigatorio levar o chip na zapatilla e o dorsal ben visible no peito. A recollida presencial dos chips e dorsais antes da primeira proba realizarase o sábado 4 de maio de 2019 no Pavillón dos Remedios de 10:00 a 20:00 horas.

Todas as carreiras darán comezo ás 11 horas, agás a nocturna do Couto ás 22 horas. As probas pertencen ao calendario da Federación Galega de Atletismo e están controladas polo Comité Galego de Xuíces e cronometradores da FGA (Delegación de Ourense), e para optar á clasificación final será preciso participar en, polo menos, 5 carreiras.

Calendario e distancias

O calendario queda configurado do seguinte xeito: Domingo 05 de maio, O Vinteún; sábado  25 de maio, O Couto (nocturna); domingo 30 de xuño, Centro da cidade; domingo 8 de setembro, Zona Universitaria; domingo 29 de setembro, A Ponte; e domingo 20 de outubro, A Carballeira.

As distancias están pensadas para todos os públicos e segmentos de idade, xa que a filosofía destas probas é a participación. As distancias de cada categoría son aproximadamente: 100 metros para ‘Pitufos’ (até 7 anos); 1.500 m. para benxamíns (8-9 anos) e alevíns (10-11 anos); 2.400 m. para as categorías infantís (12-13 anos) e cadetes (14-15 anos), e 6.000 m. para o resto: xuvenís (16-17 anos), júniors (18-19 anos), promesas (20-22 anos), séniors (23-35 anos) e máster.

O circuíto está organizado polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense en colaboración co Colexio Divino Maestro, co Club Esprintes Ourense, coa Delegación Ourensana de Atletismo, co Club Deportivo Aurum, co Club Ourense Atletismo e coa Asociación de Veciños Carlasca, e o patrocinio de Gadis, Turini, Pérez Rumbao e Coca Cola.  A presentación contou coa presenza de representantes de todas as entidades, ademais do Concelleiro de Deportes, Mario Guede e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Mario González.

Noticias relacionadas