Atletismo Destacado Es noticia 

Paderne de Allariz acollerá a XII andaina a favor de Cruz Vermella de Maceda

XII andaina solidaria Paderne de Allariz

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará o vindeiro domingo, 12 de maio, conxuntamente coa segunda edición do Trail do municipio.

O municipio de Paderne de Allariz acollerá o vindeiro domingo, 12 de maio, a XII andaina solidaria que se celebrará a favor de Cruz Vermella da comarca de Maceda e o seu II Trail. A presentación destes eventos deportivos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde e o tenente de alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández e José Abad Gil; a presidenta e o colaborador da Asociación de Mulleres Rurais de Solveira, Mª Carmen Pérez e Maximino Evia; e o membro do comité comarcal Cruz Vermella Maceda, Amancio Isidro Lameiras.

Presentación da XII andaina solidaria e II trail de Paderne de Allariz. Na sala de xuntas do pazo provincial asisten Bernardino González (Asesor deportes deputación), José Manuel Fernández (Alcalde de Paderne), José Abad Gil (TenenteAlcalde de Paderne), María del Carmen Pérez (Presidente Asociación Mulleres rurais de Solveira), Maximino Evia (colaborador da asociación de Mulleres Rurais de Solveira), e Amancio Isidro Lameira (Membro do comité comarcal da Cruz Vermella de Maceda).

A Deputación de Ourense colabora con estas iniciativas que ofrecerán aos participantes “deporte e natureza, contribuíndo á dinamización do territorio e á posta en valor do noso rural”, sinalou Bernardino González, quen felicitou ao concello polo marcado “carácter solidario” da andaina que chega xa a súa duodécima edición.Pola súa parte, o alcalde de Paderne de Allariz explicou que o percorrido da proba “discorre por lugares emblemáticos e sempre buscamos que sexan traxectos diferentes para dar a coñecer o noso territorio”.

A andaina comezará ás 9.00 hora con dúas posibles rutas de 21 e 11 quilómetros. Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 8 de maio, sendo a cota da inscrición de 8 euros. Pola súa parte, o trail comezará ás 10.00 horas e cun percorrido de 21 quilómetros. Os interesados en participar nesta proba poden inscribirse na páxina web www.galitiming.com, por un prezo de 15 euros, ata o día 8 de maio.

Amancio Isidro Lameiras agradeceu, en nome de Cruz Vermella da comarca de Maceda, a colaboración que lle ofrece á entidade o Concello de Paderne de Allariz, “doándonos o 75% do recadado coas inscricións da andaina”. O diñeiro recadado –explicou Amancio Isidro Lameiras- irá destinado “para as primeiras necesidades dos nenos e das familias. Por exemplo, actualmente temos dous grupos de nenos de entre 6 e 13 anos en Maceda e Allariz, aos que lles axudamos cos deberes e tamén lles ensinamos hábitos de comida saudable”.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.