Salida San Silveste Ourensa 2017Atletismo Destacado Es noticia 

Ourense pecha o calendario deportivo de 2018 coa San Silvestre

Ourense pecha o calendario deportivo de 2018 coa San Silvestre, que percorrerá as rúas do centro histórico, e na que se inscribiron 1.112 persoas

  • A saída e a meta da proba estarán no Xardín do Posío. Na categoría absoluta o circuíto será de 5 km, e os participantes deberán percorrer as rúas do centro
  • A inmensa maioría das inscricións (798) foron para concorrer na categoría absoluta e a segunda proba con máis participantes é a da categoría Pitufos (113)

 Salida San Silveste Ourensa 2017

O 31 de decembro Ourense volverá despedir o ano coa San Silvestre ourensá, unha proba deportiva que nos seus tres primeiros anos de vida está a concitar un apoio cada vez máis grande por parte de atletas e de persoas que gozan dunha carreira especial polas rúas do centro histórico.

Na terceira edición desta proba, que organiza o Consello Municipal de Deportes,  inscribíronse un total de 1.112 persoas o que promete bater os récords de participación de anos anteriores. Na súa primeira convocatoria, no 2016, correron 881 persoas;  mentres que o pasado ano os corredores foron un total de 896.

A saída e a meta da proba estarán no Xardín do Posío. Na categoría absoluta o circuíto será de 5 km, e os participantes deberán percorrer as rúas do centro histórico da cidade: Padre Feijóo, Colón, Praza Maior, Barreira, As Burgas, Desengano, Avenida de Pontevedra, Rúa Lamas Carvajal, Paseo, Concordia, Santo Domingo, Praza do Ferro, Fornos, Unión, Praza do Trigo, Hernán Cortés, Prieto Nespereira e Lugo, para rematar de novo no Xardín do Posío.

Este ano as inscricións para correr na categoría absoluta foron un total de 798; mentres que 70 persoas apuntáronse na categoría sub 16 e sub 14; 131 na de sub 12 e sub 10; e 113 na categoría pitufos.

A proba está incluída no calendario oficial de competicións da Federación Galega de Atletismo e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e Cronometradores da Federación Galega de Atletismo–Delegación de Ourense.

Noticias relacionadas