Atletismo Es noticia 

Finaliza la construcción en Expourense de la nueva Pista Cubierta de Atletismo

A Xunta de Galicia informa que os traballos de construción da pista de atletismo cuberta de Ourense remataron no prazo previsto

Pista Cuberta de Atletismo de Expourense

  • O cumprimento dos prazos establecidos para a construción da pista permite que durante os próximos meses desenvólvanse actividades e eventos previstos en Expourense, deixando os traballos de homologación pola RFEA para a primeira semana de decembro do presente ano
  • A viabilidade e a compatibilidade de usos son as principais características deste proxecto que atraerá a importantes deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan (nun período de dous minutos e medio) a superficie sintética queda dispoñible para outras actividades
  • Ubicación de la Pista Cubierta de Expourense

 A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de informar da finalización dos traballos da pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense), espazos auxiliares e zona de xuíces no prazo previsto, así como o pintado e sinalización da pista e o equipamento deportivo.

Os espazos auxiliares sitúanse en planta primeira cun núcleo de comunicacións formado por escaleira e aparello elevador que permite a máxima proximidade dos atletas ás zonas de competición e quecemento. Na devandita planta sitúanse dous vestiarios e aseos adaptados, cuartos de servizo e maquinaria e almacéns.

Para o desenvolvemento de eventos deportivos utilizaranse parte dos espazos existentes no Recinto Feiral para usos complementarios ás competicións, como son os espazos temporais -no mesmo pavillón, para cámara de chamadas e zona de control Anti Doping, moi próximos aos espazos auxiliares e á pista de quecemento, o que permite concentrar a actividade dos deportistas nunha zona específica sen interferencia nin molestias ao público nin aos propios deportistas-; zona de xuíces -elevada sobre as bancadas retráctiles para 500 persoas e que permite unha visión total das zonas de competición ademais dunha estrutura elevada que permite a correcta localización, control e medición dos equipos de Vídeo Finish-; benvida, recepción, acreditación dos deportistas no vestíbulo existente no recinto con control por parte dos organizadores e dos xuíces e independente do acceso do público; zona de autoridades con acceso directo á pista mediante escaleiras mecánicas e aparello elevador existentes, con visión directa á zona de competición; acceso do público mediante escaleiras mecánicas e aparello elevador existentes á zona de cafetería; zona médica para urxencias existente no recinto; e acceso dos equipos de prensa escrita e medios audiovisuais ás diferentes salas existentes localizadas a carón do vestíbulo de benvida e recepción dos deportistas.

A pista de Expourense terá seis rúas en pista circular en anel de 200 metros de perímetro, oito rúas en pista recta de velocidade, zona de lanzamento de peso, zona de saltos de altura, lonxitude, triplo salto e pértega. A pista de atletismo cumprirá coas novas especificacións da Federación Internacional de Atletismo (IAAF) que foron acordadas no congreso celebrado en agosto en Londres. Así mesmo, a pista cumprirá con todos os requisitos da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) para a súa homologación para a celebración de campionatos a nivel nacional.

Compatibilidade de usos

Grazas a construción desta pista cun sistema hidráulico que permite a total compatibilidade do uso deportivo co uso feiral ao que se destina o espazo, Galicia terá a primeira pista de atletismo hidráulica cuberta que pasará a ser unha das tres mellores de España contando coa tecnoloxía máis moderna de todas as existentes.

O cumprimento dos prazos establecidos para a construción da pista permite que durante os próximos meses desenvólvanse actividades e eventos previstos en Expourense, deixando os traballos de homologación pola RFEA para a primeira semana de decembro do presente ano. Durante estes meses a Secretaría Xeral para o Deporte seguirá traballando en estreita colaboración con Expourense para garantir a convivencia de todo tipo de evento deportivo e feiral cos seus requisitos específicos de montaxe e uso.

Do mesmo xeito, xunto con Expourense procederase a definir o sistema de sinalización e control de accesos e pasos de vehículos no pavillón que permita a montaxe, desmonte e celebración de eventos dentro do marco de colaboración mutuo, que busca aumentar e flexibilizar a natureza dos eventos que se poidan desenvolver no recinto feiral, xa de primeiro nivel no ámbito nacional e internacional, e poder ofrecer a Ourense e Galicia un recinto no que convivan todos eles.

A viabilidade e a compatibilidade de usos son, pois, as principais características deste proxecto que atraerá a importantes atletas e deportistas á cidade de Ourense xa que cando as curvas da pista se baixan, a superficie sintética queda dispoñible para outros deportes ou actividades. O proxecto para a construción da pista cumpre coas prescricións técnicas para garantir a compatibilidade das novas instalacións co actual uso do recinto. Cómpre salientar, ademais, que as pistas cubertas con peralte hidráulico axustable poden subirse e baixarse automaticamente nun período de tempo ao redor dos dous minutos e medio.

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

A %d blogueros les gusta esto: