XIX Xogos Special OlympicsAtletismo Destacado Es noticia 

Expourense recibe os Xogos Autonómicos Special Olympics

Ourense celebra este sábado os 19º Xogos Autonómicos Special Olympics, que mobilizan preto de 400 persoas

49 deportistas da provincia de Ourense participan nos xogos, entre eles Pablo Puentes, da Asociación As Burgas, que na presentación dicía: “Queremos sentirnos campións, poder divertirnos e saber demostrar que valemos. Queremos gañar e, se non, sermos valentes no intento”.

19º Xogos Autonómicos Special Olympics

Preto de 400 persoas, entre as que se atopan 225 deportistas, medio cento de adestradores, outros tantos voluntarios e 8 árbitros, daranse cita este sábado en Ourense na celebración dos 19º Xogos Special Olympics para persoas con discapacidade. A competición terá lugar na pista de atletismo cuberta de Expourense, e nela participarán atletas como Pablo Puentes, que hoxe na presentación afirmaba que o seu obxectivo é “sentirnos campións, poder divertirnos e saber demostrar que valemos. Queremos gañar. E se non, sermos valentes no intento”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradecíalle ao presidente de Special Olympics, Eladio Fernández, “o traballo que fai posible que este torneo sexa realidade, dentro do seu labor permanente de promoción das persoas con discapacidade a través do deporte e do ocio”. A organización conta coa complicidade de 19 asociacións de toda Galicia que participan, entre elas As Burgas, ADO, Asfaval e Aspanas, da provincia de Ourense, que contará cun total de 49 deportistas. A provincia de Lugo será a que maior representación teña, con 105 participantes, seguida das de A Coruña (72) e Pontevedra (57).

Os xogos seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics establecéndose diferentes niveis de participación en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras así como das súas capacidades físicas. Os atletas competirán nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida, ou lanzamento de bóla (softball), entre outras. O evento comezará ás 10:45 horas, co desfile de todas as delegacións e a lectura do manifesto de Special Olympics (“Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”) e desenvolveranse no propio recinto feiral até ás 19:00 horas.

XIX Xogos Special Olympics

Ao acto de presentación asistiron, ademais dos xa mencionados, o concelleiro de Deportes, Mario Guede; deputada provincial de Deportes, María Teresa Cerdeira; o representante da Delegación da Secretaría Xeral do Deporte en Ourense, Manuel Rodríguez; e Cristina Álvarez, en representación de Expourense.

Noticias relacionadas