Pista Cubierta de Expourense - OurenseAtletismo Destacado Es noticia 

Aprobado o Regulamento de uso da Pista Cuberta de Expourense

A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE APROBA O REGULAMENTO DA PISTA DE ATLETISMO CUBERTA DE OURENSE QUE ABRIRÁ DE 17 A 21,30 HORAS POLA SEMANA E DE 10 A 14 HORAS OS SÁBADOS E DOMINGOS

  • Previa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte, poderán realizarse na pista competicións programadas pola Secretaría Xeral; competicións de atletismo contempladas no calendario das federacións de atletismo; competicións doutras modalidades con carácter excepcional; adestramentos levados a cabo polas persoas deportistas autorizadas, así como outras actividades sempre que a súa celebración sexa compatible co uso da pista

Regulamento da Pista de Atletismo Cuberta de Expourense

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de aprobar o regulamento e normas específicas de uso da pista de atletismo de Ourense. O uso desta instalación precisa dun regulamento que determine as condicións de uso e as persoas que poderán acceder a ela tanto na condición de deportistas, de entidades deportivas ou doutro tipo ou como asistentes, buscándose a optimización e a utilización racional desta instalación. A resolución entrará en vigor a partir do día seguinte da súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral que se producirá o xoves 29.

Expourense Absoluto Leticia Gil

Previa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte, poderán realizarse na pista probas ou competicións organizadas ou programadas pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; competicións de atletismo contempladas no calendario oficial aprobado pola Federación Galega de Atletismo, pola Federación Española de Atletismo ou por unha federación internacional de atletismo conforme aos seus regulamentos; competicións doutras modalidades deportivas con carácter excepcional; adestramentos levados a cabo polas persoas deportistas autorizadas, así como outras actividades sempre que a súa celebración sexa compatible co uso da pista.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte aprobará anualmente un calendario de datas dispoñibles para o desenvolvemento de probas e competicións deportivas ou doutro tipo de actividades compatibles co uso da pista de atletismo, así como un calendario de adestramentos con indicación de datas e horarios de acceso.

Segundo o regulamento, o horario de apertura das instalacións para adestramentos será de luns a venres de 17 a 21,30 horas e os sábados e domingos de 10 a 14 horas. Estes horarios poderán modificarse de forma puntual segundo as necesidades de preparación, organización e execución dos eventos ou competicións autorizadas.

Pista Cuberta Expourense 2017

Do mesmo xeito, o regulamento inclúe unha serie de normas específicas de uso da pista como as normas xerais de bo uso relativas ao mantemento en bo estado da instalación así como as condicións e limitacións de uso.

Usuarios

Segundo o regulamento, poderán ter a condición de persoas usuarias aquelas persoas que, previa solicitude e pagamento do correspondente prezo, sexan autorizadas ao uso dos servizos e instalacións da pista cuberta.

As persoas usuarias deberán cumprir os requisitos de estar en posesión de licenza federativa en vigor ou do carné de Xogade; solicitude presentada previamente ao uso dos servizos e instalacións; pagamento previo, de ser o caso, do uso dos servizos e instalacións e ter unha idade mínima de 14 anos.

No caso dos clubs deportivos, agrupacións deportivas escolares, seccións deportivas, federacións deportivas, administracións públicas ou outras entidades especializadas na organización de eventos deportivos, deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia; no caso de entidades deportivas, acreditar a subscrición dun seguro de responsabilidade civil e dun seguro de accidentes deportivos para as persoas participantes nas actividades autorizadas; acreditar que todas as persoas físicas que participen nas actividades autorizadas cumpran os requisitos; solicitude presentada previamente ao uso dos servizos e instalacións e o pagamento previo, de ser o caso, do uso dos servizos e instalacións. No caso doutras entidades deberase acreditar a subscrición dun seguro de responsabilidade e dun seguro de accidentes deportivos para as persoas participantes nas actividades autorizadas; a solicitude presentada previamente ao uso dos servizos e instalacións e o pagamento previo, de selo caso, do uso dos servizos e instalacións.

Asemade cómpre destacar que se establecerá unha comisión de seguimento do regulamento de uso da pista de atletismo cuberta que estará formada pola secretaria xeral para o Deporte, dúas persoas dependentes da Secretaría Xeral, o director xerente da Fundación Expourense, presidente da Federación Galega de Atletismo e o xerente do Consello Municipal de Deportes de Ourense.

Cómo llegar a la Pista Cubierta de Expourense – Ourense

Noticias relacionadas

Escribe tu comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.